ABANCA e Afundación entregan a entidades sociais máis de 2.300 xoguetes da súa campaña solidaria ‘Debuxar sorrisos’

Cáritas, Cruz Vermella, Dignidad Galicia e a Fundación Madrina encargaranse de distribuír os agasallos entre familias afectadas pola crise da covid-19

ABANCA e Afundación entregaron esta mañá un lote de 2.334 xoguetes a Cáritas, Cruz Vermella, Asociación Dignidad Galicia e Fundación Madrina. Estas organizacións sociais encargaranse agora de repartilos entre familias que están a vivir momentos complicados de doce localidades diferentes de Galicia, León, Asturias, Estremadura e Madrid nas que o banco conta cunha presenza significativa.

Cáritas realizará a distribución dos agasallos na Coruña, Santiago, Pontevedra e Ourense, mentres que Cruz Vermella fará a repartición en Vigo, Lugo, León, Ponferrada, Oviedo e Badaxoz. En Ferrol será a Asociación Dignidad Galicia quen entregue os xoguetes aos fogares que están a atravesar dificultades e en Madrid ocuparase desta tarefa a Fundación Madrina.

Os agasallos foron adquiridos polo banco e a súa Obra Social con parte das doazóns realizadas polos seus empregados e clientes, así como por outras empresas e persoas interesadas en colaborar, no marco da campaña solidaria do Nadal ‘Debuxar sorrisos’, ás que despois se sumou unha achega institucional co obxectivo de que o maior número posible de nenos e nenas poidan recibir unha sorpresa o Día de Reis.

A outra parte das doazóns recibidas no marco da campaña solidaria destinarase á adquisición de produtos de alimentación para a Federación Española de Bancos de Alimentos, co obxectivo de contribuír a paliar as necesidades básicas daquelas familias que se viron especialmente afectadas pola crise económica que provocou a pandemia da covid-19.

‘Debuxar sorrisos’ é unha das accións solidarias postas en marcha por ABANCA e Afundación este Nadal, entre as que tamén destaca o programa de apoio social ‘ Cubertos Nadal’, que inclúe a repartición de 16.500 menús para menores vulnerables e as súas familias durante o período das vacacións escolares.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.