Agromuralla teme que a nova normativa sobre puríns «leve ao peche do 50% das pequenas explotacións»

A asociación de gandeiros alerta dos problemas que supón o abonado mediante inxectores en zonas de montaña e considera «inasumible e inviable» que as pequenas ganderías poidan costear o cambio de equipo

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla esixiu a «revisión da normativa de puríns» e a aprobación dun «Plan de axudas directas» que permitan ao sector adaptarse á nova regulación sen que os custos aparellados que conleva o seu cumprimento supoña «o peche de moitas pequenas explotacións».

Agromuralla organizou o pasado venres en Castro Riberas de Lea un acto para informar aos seus asociados dos cambios previstos e no que participou o director xeral de Gandería da Consellería do Medio Rural, José Balseiros, e o coordinador da Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade.

O presidente de Agromuralla, Roberto López asegura que o novo decreto sobre fertilización que quere aprobar o Goberno central supón «un xarro de auga fría» para o sector agrogandeiro galego e alerta das súas consecuencias para as pequenas explotacións, tanto de leite como de carne.

«Se o Real Decreto se leva a cabo o día 1 de xaneiro tal como está redactado a día de hoxe, é dicir, se non se aceptan as alegacións que hai presentadas, case poderiamos asegurar que un 50% das pequenas explotacións de Galicia pecharán, porque é inviable en moitos casos cumprilo, pola orografía do noso territorio, e porque para moitas pequenas explotacións vai resultar economicamente inasumible poder adaptar os seus equipos aos novos sistemas de aplicación do xurro», dixo.

«Nas zonas de montaña exparexer xurro é moi complicado, canto máis cun sistema de aplicación como o que se nos propón» e lembrou que o abonado mediante canón, que permitía levar o purín a fincas pendentes, aplicándoo desde un camiño próximo e sen necesidade de entrar nas fincas coa maquinaria, xa está prohibido desde fai un ano, o que limita xa o abonado en moitos lugares. «A eses gandeiros quedáballes o prato ou abanico, que se agora tamén se prohibe quedarán sen alternativa viable para botar o xurro e abonar as súas fincas», indicou.

Que se revise a normativa

«Pedimos que se revise porque non se nos pode tratar por igual ás granxas de vacún de leite, que facemos un uso do purín como abono, nun claro exemplo de economía circular, que ás granxas de porcino, por exemplo, que xeneran moitísimo purín e non teñen onde botalo porque na maioría dos casos non dispoñen de superficie agraria», xustificou.

Do mesmo xeito, dixo, «non pode ser a mesma normativa para unha granxa grande que para unha pequena explotación, que moitas veces ten xa as súas vacas en pastoreo, polo que a aplicación de xurros é mínima. A esas ganderías non se lles pode esixir este investimento porque para elas é inviable acometelo», indicou.

Plan de axudas para o cambio de aplicadores

Agromuralla reclama un plan de axudas, sufragado tanto polo Ministerio como pola Xunta, para facilitar ás explotacións a adaptación á nova normativa. «En moitos casos as cisternas que temos hoxe nas ganderías para a aplicación do xurro non se van poder utilizar porque non serven para instalarlles un sistema de inxección. No mellor dos casos, servindo para adaptalas ao novo sistema, o custo sería duns 15.000 euros, pero se tes que mercar unha cisterna nova falariamos de máis do dobre, e iso sen contar que ao ter maior peso en moitos casos será necesario tamén cambiar o tractor para poder movela, co que o investimento pasaría xa dos 100.000 euros», calculou.

«Desde Agromuralla consideramos que as axudas non deben ser inferiores ao 50% do custo dos aplicadores, dado que é algo que se nos vén imposto e dado que se nos impón, debe haber unha liña de axudas para sufragar estes cambios normativos», defendeu.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.