Aprobado o novo proxecto de beirarrúas en A Patiña (Cambre)

O proxecto permitirá construír sendas en ambas marxes da estrada DP 1704, mellorar a súa visibilidade e instalar nova sinalización horizontal

A Deputación da Coruña mellorará a seguridade peonil na estrada DP1704 de Cambre e Carral. O pleno da institución celebrado hoxe deu luz verde por unanimidade ao novo proxecto de construción de sendas, que xa non incluirá zona de aparcamento nin muro de contención e ampliará o tramo de actuación. As obras contan cun orzamento total de 97.788,94 euros, dos que 4.255 € se destinan a expropiacións.

A actuación permitirá mellorar o estado desta vía provincial entre o PK 0+580 e o PK 0+740, unha zona que nestes momentos ten mala visibilidade e non conta cun paso destinado aos peóns que transitan o lugar.

O proxecto porá fin a esta situación a través da creación de sendas peonís nos tramos que carecen delas co obxectivo de que as persoas que circulen polo lugar poidan facelo por ambas marxes da estrada con total seguridade. A zona afectada está comprendida entre as beirarrúas existentes que conectan co núcleo de Cambre (PK 0+580) e as sendas que conectan co río Mero (PK 0+660 na marxe esquerda e PK 0+740 na dereita).

Para que estas construcións poidan levarse a cabo será preciso demoler a edificación sita na marxe dereita do PK 0+670 que actualmente dificulta a visibilidade nesta estrada e fai que os peóns teñan que invadir a calzada para poder continuar o seu camiño. Deste xeito, ampliarase a sección actual da vía para construír a senda.

Ademais, a plataforma verá mellorada a súa sinalización horizontal entre o PK 0+740 e o PK 1+070, mellorando así a alerta a condutores e condutoras do paso polo núcleo de casas existentes a carón do río Mero e do cruce de sendas que conectan a ría do Burgo co encoro de Cecebre.

O prazo de execución estimado para estas obras é de 4 meses e o seu orzamento total, incluíndo as expropiacións de terreos necesaria para levalas a cabo, un total de 97.788,94 euros.

Cesión das parcelas do INEF por outros trinta anos

O pleno aprobou tamén por unanimidade a renovación da cesión de uso por un período máximo de 30 anos de varias fincas de titularidade provincial en Bastiagueiro (Oleiros) a favor da Universidade da Coruña (UDC).

Os terreos, cunha superficie catastral de 43.513 metros, están situados na marxe esquerda da estrada AC-173 A Coruña- Santa Cruz, onde se ubican as instalacións do INEF. Deberán manter estes usos docentes e investigadores durante os vindeiros 30 anos. Neste tempo, a UDC farase cargo dos invstimentos, gastos, seguros e impostos da propiedade cedida.

Foto portada: (arquivo)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.