Ben Cho Shey volve a Caspiñón

 O escritor, mestre e investigador ourensán Xosé Ramón Fernández-Oxea, Ben Cho Shey, volveu hoxe a Caspiñón, o pobo onde foi mestre e onde creou gran parte da súa obra, e fíxoo personificado nunha nova edición do seu libro máis importante, Santa Marta de Moreiras, “a famosa monografía que relata o sentimento, a cultura, a historia e a etnografía de Ourense e Galicia no século pasado, de máxima vixencia hoxe”, afirmou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, no acto de presentación da obra, celebrado diante da que fora a casa do insigne escritor. 

A Deputación de Ourense co-edita esta obra facsimilar con Editorial Galaxia, “unha publicación que actualiza a un dos grandes dos nosos intelectuais, fervente defensor do ensino en galego”, expresou Baltar, quen estivo acompañado no acto polo presidente de Galaxia, Antón Vidal Andión; polo presidente do Centro PEN Galicia, o escritor Luis González Tosar, e polo alcalde de Pereiro de Aguiar, Luis Menor. 

Neste ano no que se conmemora o centenario da revista Nós e dunha xeración inesquecible, Xosé Ramón Fernández Oxea ocupa tamén un lugar destacado nesta lembranza, sendo como foi un dos integrantes sobranceiros da Xeración Nós, xunto a Otero Pedrayo, Risco, Cuevillas e Castelao, destacando nas súas facetas como mestre, conferenciante, etnógrafo e historiador, xeógrafo e arqueólogo, ademais de bibliófilo e xornalista. 

Manuel Baltar reiterou “a absoluta vixencia deste auténtico tratado de etnografía, unha obra do ano 1968, prologada por un dos grandes, Florentino López-Cuevillas, e que a Deputación considerou oportuno reeditar para reivindicar a figura de Ben Cho Shey. Unha edición perfectamente preparada por Galaxia e que constitúe un libro único, non só no seu contido senón na forma de presentalo, e que recomendamos vivamente porque é un retrato fiel da Galicia, de Ourense, e neste caso da parroquia de Santa Marta de Moreiras, a comezos e mediados do século pasado, tempos nos que xa se falaba de despoboamento e de moitos temas que están na axenda política e social, polo cal é moi recomendable a súa lectura”. 

Pola súa banda, Vidal Andión dixo sentirse “moi ledo” de que esta edición se fixese realidade, “pois para min ten un significado especial honrar á figura de Ben Cho Shey e resaltar o que supuxo el nos primeiros momentos de Galaxia”, afirmou, destacando que foi un autor “que sempre estivo a dispor de facer desde Madrid os traballos máis difíciles, que eran os de loita contra a censura franquista, e el foi quen conseguiu que teñamos desde o ano 1963 a publicación Grial”. 

 

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.