CITIC e ASPACE Coruña únense nun proxecto de tecnoloxía inclusiva

O proxecto foi apoiado polo Ministerio de Ciencia cunha axuda de 30.000 euros. O Consello Social da UDC colabora na iniciativa, na que participan ata oito centros de educación secundaria da provincia da Coruña

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña acolleu este xoves, Día Internacional das Persoas con Discapacidade, a presentación do proxecto Talentos Inclusivos, desenvolto en colaboración con ASPACE Coruña e apoio do Consello Social da UDC. Esta iniciativa recibiu unha axuda de 30.000 euros por parte da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

A iniciativa Talentos Inclusivos ten o obxectivo de fomentar as vocacións TIC entre estudantes de secundaria e bacharelato e visibilizar a problemática coa que se encontran no día a día as persoas con diversidade funcional. Para isto, diferentes centros educativos participan nun proxecto colaborativo e diverso no que os estudantes deberán aceptar os retos propostos polos usuarios de ASPACE Coruña para tratar de mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional.

No acto de presentación, o investigador principal do proxecto, Javier Pereira, explicou o fluxo de traballo da iniciativa, dende que os usuarios de ASPACE Coruña lanzan un reto tecnolóxico ata que o alumnado dos centros educativos coruñeses propoñen unha solución, incidindo na importancia de “espertar vocacións científico-tecnolóxicas entre a mocidade”. A xerente de ASPACE Coruña, Sonia Ruiz, agradeceu ao CITIC que a súa actividade “reverta nas persoas para conseguir solucións para mellorar a vida das persoas con parálise cerebral”.

O evento contou coa participación a través de videoconferencia do secretario xeral de Universidades da Xunta, José Alberto Díez de Castro, que quixo destacar a amplitude deste proxecto que “implica a todo o sistema educativo”. Presidiu o acto o reitor da UDC, Julio Abalde, que sinalou que “esta iniciativa é un claro exemplo das vantaxes que reporta a tecnoloxía para a xente baseándose en aspectos humanísticos” e recordou a implicación do CITIC en “actividades enfocadas a traballar en favor da inclusión e a diversidade”. O presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín, puxo en valor o “fomento da formación da mocidade en valores humanos” que se persegue co proxecto Talentos Inclusivos.

Os centros educativos que xa confirmaron a súa implicación son: IES Miraflores (Oleiros), Colexio Calasanz PP. Escolapios (A Coruña), IES Terra de Trasancos (Narón), IES de Ortigueira, IES Sofía Casanova (Ferrol), Colexio Salesianos San Juan Bosco (A Coruña) e IES David Buján (Cambre). Os alumnos de Tecnoloxía destes institutos procurarán ao longo do curso escolar desenvolver e aplicar unha solución tecnolóxica ás diferentes problemáticas diarias expostas polos usuarios de ASPACE Coruña. O alumnado estará asesorado por un equipo de 20 investigadores do CITIC, á súa vez profesores da Facultade de Informática, xunto con terapeutas ocupacionais, fisioterapeutas e logopedas de ASPACE Coruña. Facilitar o cambio de canais de televisión nun mando a distancia ou evitar obstáculos as cadeiras de rodas mediante un sistema de avisos son algúns dos retos propostos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.