Co fútbol non se xoga. Por @DulceCorcu

Parece un oxímoron, unha frase mal feita ou sen sentido, pero é só un aviso a navegantes. Un propósito de vontade e forza ante a imposición e a ameaza, negativa clara a renderse ao chantaxe e poñerse de xeonllos diante da RFGF (Real Federación Galega de Fútbol) que preside Rafael Louzán e onde, sen máis opcións, agardan obediencia e sumisión á idea de comezar as competicións do fútbol afeccionado. Son tempos onde sobrevivir e manterse sans é o principal cometido, e así o entenderon a meirande parte dos nosos equipos, que veñen de sacar un comunicado conxunto no Grupo 2 da Primeira Galega para que non conten con eles nese cometido. Por suposto, coas excepcións de rigor, pero que case resultan unha anécdota no sentir maioritario da zona da Costa e Santiago.

As consecuencias anunciadas son o descenso de categoría, algo que habitualmente pérdese nos terreos de xogo, pero que na Federación incluiron nos protocolos de actuacións para disuadir posibles disidentes, aínda que á vista está que non acabou de surtir o efecto desexado porque, ás poucas horas, era o Soneira S.D. o primeiro en dar o paso e oficializar un “non” rotundo á competir, pasase o que pasase debido á decisión tomada. O equipo de Vimianzo marcou o inicio dun goteo primeiro lento doutros conxuntos que deron público rexeitamento a inscribirse, pero que foi aumentando ata consumarse na únión da práctica totalidade do Grupo 2, que priorizan a saúde e tamén non verse na incertidume dun escenario descoñecido para directivas e xogadores. Porque o que propón a Federación Galega só é propio dalguén que non baixa á humilde terra onde se asentan os nosos clubes, de aí que pensen que poden soster probas PCR para toda a plantilla unha vez ó mes que inclúan persoal sanitario permanente, cando a realidade é que ás veces traballo custa xuntar para fichas e botar a rodar a pelota. Nun ano ademais de escaso aforo, de limitado acceso á cantina (de habela) ou do baixón económico de patrocinadores e colaboradores en moitos casos, e aínda así pretender que un equipo modesto funcione coma se fose da elite profesional, parece mesmo unha falta de respecto. A desinfección e mantemento das instalacións é outro punto onde semella que no confort da sede central da Federación, non teñen noticia sobre o risco de embarcarse nesas tarefas sen preparación ou roupas axeitadas, coa que non se conta nuns equipos onde todo se fai por vontade e altruísmo, pero sen que implique unha exposición a ningún tipo de perigoso contaxio, algo que xa se pelexa por eludir nos inevitables quefaceres da vida diaria.
O fútbol é un xerador de ilusión que todos botamos de menos na Costa, ao que queremos voltar pero seguros, coa mocidade e cos nenos e nenas. Co corazón no peito e non nun puño, atemorizado e inquedo. Uns señores que de repente ven a súa fonte de ingresos mermada, non poden decidir quen debe saír a xogarse a vida baixo coacción. Nalgún delirio de grandeza, deberon pensar que o balón era deles e non dos xogadores, dos directivos e das xentes que cada domingo pisan terra e non moqueta, que se mollan cando chove e, case sempre, cando non tamén. Quizais esqueceron que o fútbol é un xogo….pero co que non se vai permitir que xoguen,.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.