Comezan as obras de mellora da seguridade vial nos accesos ao colexio de Andrade (Pontedeume)

Valentín González Formoso e Bernardo Fernández supervisaron as obras, que atenden unha antiga reivindicación da veciñanza e da comunidade educativa deste centro escolar
A creación dunha senda peonil que permita ao alumnado do centro escolar de Andrade e á veciñanza desta parroquia eumesa circular con seguridade será por fin unha realidade en poucos meses.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o alcalde de Pontedeume e portavoz do goberno provincial, Bernardo Fernández, e o presidente da asociación veciñal de Andrade, Francisco Marta, visitaron a zona para supervisar as obras de mellora da seguridade da estrada DP-09056, que conecta a estrada que vén de Campolongo co núcleo de O Grobe e dá acceso ao centro escolar de Andrade. Uns traballos nos que o organismo provincial inviste 310.384 euros para construír beirarrúas, ampliar o ancho da vía, crear novas zonas de aparcamento e renovar o alumeado.
Valentín González Formoso destacou que as obras inclúen a creación dunha senda peonil de dous metros de ancho, “para que os nenos e nenas que van ao colexio podan facelo con seguridade, como demandaban con moita razón os veciños da zona”.
O presidente indicou ademáis que o proxecto inclúe outras melloras importantes da seguridade como a ampliación do ancho da calzada, que pasa de 5 a 7 metros ou a renovación completa do alumeado público, ademáis da creación de novas zonas de aparcamento no entorno do colexio público e a mellora da recollida de pluviais en todo o tramo.
O alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, que tamén é portavoz do Goberno da Deputación da Coruña, destacou a importancia desta actuación xa que “cumpre unha vella reivindicación que desde hai décadas vén reclamando a veciñanza desta parroquia e a propia comunidade educativa do colexio de Andrade”.
“Gañamos en seguridade viaria para os escolares, para os veciños e tamén para o tráfico rodado, pois por esta estrada circulan un número importante de vehículos cada día”, apuntou o alcalde, que agradeceu “a colaboración e xenerosidade” dos veciños para ceder os terreos e facer realidade este proxecto nun curto espazo de tempo.
As obras teñen un prazo de execución de 5 meses, polo que se prevé que estean completamente rematadas no inicio da primavera de 2021.