Continúa o dispositivo despregado en 120 estradas lucenses ante o temporal de neve

Un cento de operarios con 50 quitaneves e vehículos despexan as vías de árbores caídos, neve e xeo

O dispositivo activado pola Deputación de Lugo ante o temporal de neve que azouta á provincia traballou durante toda a xornada de onte, con actuacións ata as tres da madrugada, e continúa este sábado en máis de 120 estradas de 22 concellos da Montaña, a Chaira e o sur da provincia.

Un cento de operarios con 50 quitaneves e vehículos desenvolven de maneira continuada tarefas para retirar árbores caídos e despexar de xeo e neve as vías, que acumulan espesores de máis de 30 centímetros.

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, explicou que os traballos “están sendo moi complexos e máis lentos debido ás intensas nevaradas que se producen dende onte pola mañá, e que provocaron acumulacións importantes nesta pasado noite, pero tamén pola gran cantidade de ramas e árbores caídos, debido a que houbo un outono meteoroloxicamente moi suave, o que provocou que as árbores teñan bastante folla, que non soporten o peso da neve e que caian á calzada. A todo isto súmase as complicacións que xorden en ocasións, para que os medios da Deputación poidan acceder ás estradas provinciais debido á situación tamén moi complicada das estradas autonómicas”, asegurou.

García Porto recalcou que o dispositivo está traballando de maneira intensa e continuada, dentro das dificultades referidas, ademais de avanzar que de complicarse máis a situación, a Deputación ten aberta a posibilidade de reforzar os medios propios coa contratación de empresas externas para atender as posibles necesidades que se produzan.

Concellos afectados

Os municipios polos que discorren as estradas afectadas e nos que están a traballar para facer fronte ás incidencias son: Carballedo; O Saviñao; Pantón; Baleira; Becerreá; Folgoso do Courel; A Fonsagrada; Cervantes; O Incio; Navia de Suarna; Negueira de Muñiz; As Nogais; Pedrafita do Cebreiro; Quiroga; Ribas de Sil; Ribeira de Piquín; Samos; Triacastela; Muras; Vilalba; Ourol e Taboada.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.