Converter o Castro de Elviña no “gran parque cultural da cidade”

O Goberno local de A Coruña construirá un centro de visitantes e o peche perimetral do xacemento

A alcaldesa de A Coruña, Inés Rey, anunciou esta mañá durante su visita ao castro de Elviña que a intención do Goberno local é “facer do Castro o gran parque cultural do interior da cidade”. “Apostamos, dixo, por poñer en valor o Castro de Elviña e a súa contorna, afrontando as melloras necesarias para convertelo non só nun lugar de estudo do noso pasado, senón tamén nunha infraestrutura social para a veciñanza, con grandes posibilidades turísticas”.

A alcaldesa estivo acompañada na visita polo concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada; a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán; o director da Área de Cultura, Rómulo Sanjurjo, e o arqueólogo municipal, Marco Antonio Rivas Nodar.

Rey explicou que hai dous proxectos xa en fase avanzada que son básicos para poñer en valor o castro e para os que o Goberno local propoñerá un pacto ao resto de forzas políticas: a construción dun Centro de Visitantes e o peche perimetral que permita diferenciar ben as parcelas particulares das públicas e a área de protección do castro co resto. Máis adiante, e sempre respectando a contorna, se estudará a construción dun aparcadoiro próximo ao xacemento.

“Trátase dunha aposta pola cultura, como eixe de atracción turística, pero tamén polos espazos públicos e as zonas verde”. Por iso, o Concello acondicionará os terreos de titularidade municipal mediante sendas e mobiliario para abrilo ao público de maneira adecuada e digna, con accesibilidade e indicativos, así como mellorando a visibilidade do castro desde a contorna e mesmo incorporando hortas de uso veciñal”.

A alcaldesa explicou que o Goberno local pretende abrir o xacemento ao público, “darlle visibilidade á gran xoia oculta da Coruña e socializar o seu uso” coa ollada posta nos visitantes, pero tamén na veciñanza da cidade, en especial a de Feáns, Mesoiro, Novo Mesoiro e Elviña. “É unha das actuacións máis importantes da rede verde que queremos impulsar para o cinto exterior da cidade e nela traballan as concellerías de Urbanismo, Medio Ambiente e Cultura”, apuntou.

Inés Rey sinalou que a proposta de socialización é perfectamente compatible coa continuidade dos traballos arqueolóxicos, nos que participan as universidades galegas e que confirman que estamos ante un dos parques arqueolóxicos máis importantes do noroeste, un valor que a cidade non difundiu nin aproveitou como merece. “Cremos que é hora de apostar por el, porque suporá un impulso económico e social para varios barrios da cidade e para a imaxe e o patrimonio da Coruña”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.