Denuncian “graves irregularidades” na selección do alumnado do Obradoiro de Emprego de Touro

A Marea Veciñal de Touro pide á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral que investigue as irregularidades e restitúa o dereito dos prexudicados/as na selección do alumnado-traballador de Touro no Obradoiro de Emprego que o concello de Touro comparte co de Boqueixón, O Pino e Vedra

“Ademais de incumprimentos das Bases na preselección de candidatos, feito que podería anular todo o proceso,  denúncianse “erros” na aplicación do baremo na puntuación de varios candidatos; co resultado de deixar estes candidatos fóra da selección” denuncian dende a formación.

A fase de selección dos alumnos-traballadores consistía nunha entrevista e a valoración obxectiva de méritos segundo o baremo recollido nas Bases. “Para o partido da oposición de Touro, a entrevista, persoal e carente de total transparencia, subxectiva e sen garantía algunha para os candidatos, é simplemente unha ferramenta de enchufismo. Ao non existir rexistro (gravación) da mesma, os candidatos non poden reclamar nada”.

Con todo, as irregularidades denunciadas céntranse principalmente na valoración dos méritos, que consiste na aplicación do baremo recollido nas bases, resultando que varios alumnos non foran seleccionados porque a Comisión de Selección non lles puntuou a súa situación de “protección por desemprego” (puntuada con ata 4 puntos segundo o baremo).

O partido Veciñal de Touro, que tamén pediu explicación dos feitos á propia Comisión de Valoración, sospeita da “intención clara de prexudicar e non seleccionar aos candidatos que non se lles puntuou ese apartado”; porque “é bastante estrano que se produzan erros na aplicación dun baremo tan sumamente sinxelo, e que precisamente a consecuencia sexa a non selección dalgúns dos afectados”.

O partido veciñal de Touro propuxo á Comisión de Valoración e á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral que ante esta situación se faga “revisión de oficio” da valoración de todos os candidatos. Se como resultado desa revisión variase a puntuación dos candidatos/as, deberanse artellar solucións excepcionais que restitúan o dereito dos prexudicados sen prexudicar a quen ten dereitos consolidados (a quen foi seleccionado/a). Así, o partido Veciñal  propón que, de xeito excepcional, se amplíen as prazas até dar cabida a aqueles/as que unha vez revisada a puntuación esta sexa superior á que actualmente ocupa o último posto na selección.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.