Deputación da Coruña e Concello de Carral suman forzas para avanzar en igualdade

A deputada María Muíño anunciou que organizarán novos programas coeducativos pola igualdade e contra a violencia machista

A deputada de Igualdade, María Muíño, reuniuse coa concelleira Mercedes Caridad e o alcalde Javier Gestal para estudar novos programas coeducativos e avanzar en distintas iniciativas de igualdade, en especial, para etapas formativas. Neste sentido, María Muíño avanzou que a Deputación da Coruña botará a andar novos programas coeducativos en colaboración cos concellos en canto a situación da pandemia o permita.

Ademais da responsábel de Igualdade da Deputación da Coruña, María Muíño, a concelleira de Carral, Mercedes Caridad e o alcalde Javier Gestal, na xuntanza estiveron presentes a directora dos centros educativos do concello, Verónica Mosquera e Mar Domínguez.

“Que nesta reunión participen as directoras dos centros significa xa moito con respecto ao desenvolvemento de políticas públicas de cara construír un futuro en igualdade”, sinalou a deputada de Igualdade, María Muíño na xuntanza que tivo lugar na casa do concello de Carral. Na xuntanza, a deputada de Igualdade anunciou que, en canto sexa viábel pola situación da pandemia, a institución organizará novos programas coeducativos pola igualdade e contra a violencia machista en colaboración cos concellos e centros escolares da provincia seguindo a liña de “Suprime o control” ou “Quen dixo medo”. De non ser posíbel, María Muíño sinalou que buscarán novas vías para o desenvolvemento destas iniciativas de forma non presencial tal e como se fixo na programación da Deputación da Coruña do Día contra a violencia machista na que participaron 84 concellos da provincia.

A concelleira de Igualdade, Mercedes Caridad, explicou na xuntanza, o funcionamento do programa “Educando en valores” que se desenvolve nas aulas e que este ano en que a situación da pandemia está a afectar a toda a comunidade educativa responde ao título “Aulas con corazón”. “É  importantísimo traballar con pais e nais e profesoras ademais de co propio alumnado e estamos a ver que o programa está a ter resultados moi positivos”, sinalou a concelleira.

Tanto a concelleira como a deputada destacaron a necesidade de afondar en iniciativas encamiñadas ás etapas formativas e, neste sentido, María Muíño sinalou o interese de programas da Deputación da Coruña como os concursos de guións e viñetas pola igualdade e contra a violencia machista e da convocatoria do Concepción Arenal de programas educativos pola igualdade que cada ano convoca a institución e que animan á participación de toda a comunidade educativa.

O alcalde Javier Gestal  destacou o incremento da poboación do Concello de Carral fai máis necesario a aplicación de políticas sociais e de igualdade xa que no concello se están a instalar grande cantidade de familias con nenos e nenas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.