EU. “Que Feijóo retome o discurso da heroicidade do persoal sanitario xusto cando máis está a aplicar a precariedade laboral no SERGAS é indignante”

O Presidente da Xunta, Núñez Feijoó dirixiuse esta tarde ás galegas e galegos no tradicional discurso de fin de ano apelando á sensibilidade das persoas que máis dificultades pasaron nesta pandemia, ben por perda de familiares, ben por problemas económicos ou por soportaren o illamento relacionado coas restricións adoptadas.

Sen embargo, Núñez Feijóo, esquécese que son esas familias as principais vítimas da ausencia de axudas sociais autonómicas, que son as sanitarias e sanitarios e o persoal das residencias as que padecen o estrés laboral derivado dos seus recortes, que son as autónomas e pequenas empresas as que esmorecen sen que cheguen á maioría as axudas autonómicas comprometidas.

Esquerda Unida entende que non é ético empregar nun discurso a imaxe de aqueles colectivos aos que precisamente a Xunta castigou máis. En palabras de Eva Solla, Coordinadora Nacional de Esquerda Unida: “Que Feijóo retome o discurso da heroicidade do persoal sanitario xusto cando máis está a aplicar a precariedade laboral no SERGAS é indignante. Hai que lembrarlle ao Presidente, que a vocación do persoal non substitúe a necesidade de condicións laborais dignas” continúa dicindo que tamén “resulta insultante que logo de deixar morrer a varios centos de maiores nas residencias, se apele de xeito lacrimóxeno a lembrar a estas persoas e ao persoal que traballa nos centros en condicións escravistas.”

Eva Solla valorou tamén o resto de mencións realizadas por Feijóo: “ O abandono ao que a Xunta condenou ao profesorado e alumnado neste 2020 non é compatible coa mensaxe de achegamento que pretendeu ofrecer Feijóo. Igualmente, referirse xustamente ás autónomas e á hostelaría que na maioría dos casos non viron nin un só céntimo de axudas autonómicas é cando menos banalizar a situación de centos de familias que non saben se van ter traballo o mes que vén.”

Esquerda Unida lamenta que o único proxecto de futuro da Xunta para este 2021, segundo a mensaxe de fin de ano, sexa o vindeiro Xacobeo e destaca que a Xunta non tivese nin unha soa palabra de compromiso para a resolución da situación de conflitos laborais gravísimos para o emprego industrial coma son a situación de Alu-Ibérica ou Siemens-Gamesa, entre outros.

Esquerda Unida manifesta a súa preocupación no feito de que o Presidente da Xunta non teña palabras para o necesario proxecto de reconstrución económica e social de Galicia e que o discurso de fin de ano fose empregado, pola contra, para banalizar a situación das persoas que peor o están a pasar.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.