Gómez Reino pide ao Goberno que indague se “a Xunta incumpre a Lei ao carecer do rexistro de intermediarios de crédito que prexudica ás cooperativas galegas”

O deputado galego Antón Gómez Reino sinala a problemática que sofren as cooperativas con sección de crédito e os seus asociados pola ausencia dun rexistro na comunidade que o Goberno galego tiña que ter implementado

O grupo confederal de Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común, ven de rexistrar no Congreso una pregunta escrita ao Goberno na que sinala a problemática que están a ter as cooperativas con sección de crédito en Galicia pola ausencia dun rexistro de intermediarios de crédito inmobiliario que a Xunta non implementou pese a ter a obriga de facelo.

No escrito, o deputado galego, Antón Gómez Reino, pregunta ao Ministerio de Economía e ao Banco de España se teñen constancia da existencia dun rexistro de intermediarios de crédito inmobiliario en Galicia que a Xunta debera ter artellado, tal e como establece a lei 5/2019 que regula os contratos de crédito inmobiliario.

Pregunta, ademais, se o Goberno galego de Núñez Feijóo “está a incumprir a normativa vixente” ao non implementar este mecanismo preceptivo e que medidas adoptará o Banco de España para solventalo.

Precisamente, sinala Gómez Reino, “a inhibición e deixadez do Goberno galego, que non fixo o que tiña que facer nesta materia, está a ocasionar severas dificultades a moitas cooperativas galegas e aos seus asociados, na liberdade de realizar as súas operacións de crédito e hipotecarias, á marxe das grandes entidades bancarias que tenden a concentración monopolíticas unificando prezos, intereses e condicións a súa vontade en prexuízo das maiorías”.

O articulado nas leis de Cooperativas e Cooperativas en Galicia  27/1999 e 5/1998  establecía a posibilidade de que calquera cooperativa non exclusivamente de crédito, puidera contar cunha sección específica de crédito para os seus asociados con servizos financieiros e de créditos hipotecarias. Non obstante, desde a entrada en vigor da Lei 5/2019 que regula os contratos de créditos inmobiliarios (LCI), as cooperativas con sección de crédito sitas no noso país e co radio de acción concentrado en Galicia non poden operar.

O escrito rexistrado por Galicia en Común pregunta ao Ministerio de Economía se cómpre tomar medidas desde o Banco de España para urxir a Xunta a cumprir coa súas obrigas, co obxecto de favorecer a normal operatividade destas cooperativas con sección de crédito sitas no noso país. Asemade, inquire se o Goberno contempla modificar a norma para facilitar o rexistro das entidades no Banco de España i eximir ás cooperativas con sección de crédito da Lei 5/1999 para posibilitar que presten servizos financieiros para os seus asociados.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.