Impúdica disparidade. Por @DulceCorcu

Anne Hidalgo, alcaldesa de París, acaba de recibir unha multa de noventa mil euros no seu consistorio por ter en postos de responsabilidade a demasiadas mulleres e vulnerar, deste xeito, unha lei obsoleta de 2.012, que era a que rexía no 2.018, ano no que acontece a disparidade que apreza o órgano funcionario que se ocupa da multa en cuestión. O incrible xa non é só iso, senón o balbordo causado, o ruído e visibilidade dado a algo que acontece ao revés diariamente sen, por suposto, sanción ningunha nin titulares mediáticos que poñan en cuestión, unha vez máis, as leis que só buscan unha equidade aínda inexistente entre as aspiracións de homes e mulleres á hora de optar a postos de decisión.

En España, cunha lei semellante dende o 2.007, a disparidade é alarmante. O incumprimento, pan de cada día, non alporiza nin causa preocupación nos medios nin nas tertulias. Sen ir máis lonxe e nunha carreira coma a xudicial, onde nas derradeiras promocións o número de mulleres supera amplamente ó dos homes, elas seguen a ser excluidas das presidencias e tribunais de alto rango. Abonda o caso do Tribunal Supremo, con douscentos anos de funcionamento e con María Luisa Segoviano nomeada a primeira muller presidenta dunha das súas salas, concretamente a do Social que, na práctica, probablemente sexa a menos relevante para esas cousas do prestixio ególatra, de aí que fose precisamente a que recaese nunha muller. Tampouco se vaian vir agora arriba, deberon pensar. Por suposto, estes órganos sancionadores e estritos cumpridores da lei, tampouco actúan nin por asomo no relativos ós salarios. onde rixe outra impúdica disparidade que non parece molestar a ninguén máis que a quen a sofre, coma non ás mulleres. A brecha salarial permite que cobren ata un quince por cento menos que os seus compañeiros varóns exercendo o mesmo tipo de traballo. Pero vivimos tempos modernos onde esas cousas están superadas e non precisan regulación de ningún tipo, adoitan dicirnos. E falar da “discriminación positiva” xa se convirte en feminazismo puro e duro. En “Imposición”, esa verba que en España adquire unhas connotacións que abarcan todo un mundo planetario, cando só pretende integrar e correxir a histórica desigualdade entre as aspiracións de homes e mulleres a liderar e ocupar postos con poder decisivo.
A conclusión vén sendo que a Igualdade non importa nada ou case nada, incúmprese de forma sistemática en todas partes do mundo, pero iso si, se eres muller e reclamas, esixes ou protestas, entón hai que sacar a calculadora e milimetrar cada posto onde se sentan, non vaian mandar demasiado e mellor atalas en curto. A multa é só un aviso  dunha liña infranqueable, unha denuncia pública de que podes mandar, pero poquiño. Nunca máis que eles, por suposto.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.