Iván Feijoo será a gran atracción este martes na Copa Galicia de Ciclocrós en Santiago

Terceiro clasificado na última cita da Copa do Mundo, o campión de España sub23 estréase no certame autonómico desta campaña

Copa Galicia de Ciclocrós 2020 celebra este martes a súa terceira xornada en Santiago de Compostela e entre os corredores que rodarán sobre o barro ao carón do estadio Vero Boquete  sobresae un nome. Iván Feijoo, que no último domingo do mes de novembro subiu ao podio da Copa do Mundo, fai a súa estrea no certame autonómico desta campaña. O vixente campión de España sub23 entrará en acción ás 14:00 horas na última quenda de saídas da XIX edición do ciclocrós Cidade de Santiago.

O alaricano do Nesta-Skoda Alecar volve competir en Galicia once meses despois de revalidar a súa coroa estatal en Pontevedra. Para esta temporada Feijoo marcouse como obxectivo dar outro paso adiante a nivel internacional e chega a Santiago tras conseguir hai dez días un histórico terceiro posto no circuíto de Tábor (Républica Checa), onde se converteu no primeiro galego en pisar o caixón sub23 da Copa do Mundo.

A súa presenza na cita organizada polo Club Ciclista Compostelano-Muebles Compostela engade un aliciente máis á carreira elite-sub23 na que Dani López, vencedor na primeira xornada da Copa, e Saúl López, gañador da segunda, volverán medir forzas. O monfortino do Academia Postal-Maceda e o coruñés do Cambre-Renault Caeiro están igualados a puntos no máis alto do clasificación xeral Elite.

No resto das categorías lideran os rankings Uxía Soto (Avanza-O Porriño) e o seu compañeiro de equipo André Martínez en cadetes, Sofía Álvarez (Cambre) e Ricardo Buba (Coruxo) en juniors, Carla Fernández (Río Miera) e David Fernández (Avanza) en sub23, Irene Trabazo (XSM) nas elites, Eva Ortega (Biciosos-Rías Baixas) e Rubén Deaño (Ourense Termal) en máster-30, Sonia Costoya (Corbelo) e Marcos Mayo (BTT O Treito) en máster-40, José María Magariños (Condado Bike) nos máster-50 e Constante López (O Trisquel) nos máster-60.

Horarios

O programa de carreiras, nun circuíto de 2.500 metros de lonxitude no que a lama está garantida en grandes cantidades debido ás chuvias caídas nos últimos días, arrancará ás 10:00 coas dúas probas cadetes. Ás 10:45 comparecerán os máster-30 e 50/60 masculinos, así como as mulleres máster. A quenda dos homes máster-40 está prevista para as 12:45 e as competicións elite-sub23 e juniors, de ambos sexos, serán o prato forte da xornada a partir das 14:00.

Para minimizar o risco de contaxio por covid, o evento seguirá de forma estrita o «Protocolo de actuación para a volta da actividade ciclista fronte a Covid-19» da Federación Galega de Ciclismo e o «Protocolo Fisicovid-DXT galego XIX Ciclocross Cidade de Santiago». As corredoras e os corredores deberán contar con test PCR, antíxenos ou serolóxico negativos. Ademais, os participantes, auxiliares e técnicos teñen que pasar un control de acceso ao circuíto no que se comprobarán os seus datos e se procederá á toma da temperatura e á limpeza e desinfección das mans. Non está permitida a presenza de público dentro da burbulla creada ao redor do estadio Vero Boquete.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.