Máis de 1.600 mozos e mozas marabillados pola natureza da provincia coruñesa (Vídeo)

Coñecer o medio natural máis próximo e sentilo como propio  é fundamental para poder conservalo

Reconectar coa natureza, coñecela, sentila, descubrila, manipulala e marabillarse con ela… estes eran algúns dos obxectivos iniciais que o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia – CEIDA– pretendía co novo programa educativo ‘Por unha Transición Ecolóxica’ que puxo en marcha este curso escolar. Na situación de pandemia mundial non parecía doado conseguilo, mais as actividades, desenvolvidas co apoio da Deputación da Coruña, remataron coa participación de máis 1.600 mozos e mozas dos centros de ensino da provincia coruñesa (14 centros, 94 aulas) entre os meses de outubro e decembro de 2020.

Este novo programa de educación ambiental deseñouse co fin de achegar a natureza á comunidade educativa, a través de tres espazos da provincia: o Parque Natural Fragas do Eume, o Parque Natural de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, e a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. As actividades, dirixidas ao alumnado do último ciclo de educación primaria e de secundaria, dividíronse en dúas sesións: unha primeira na aula, para dar a coñecer as particularidades de cada espazo, así como os problemas ambientais presentes nese territorio; e unha segunda sesión que incluía un roteiro e saída de campo polo propio espazo protexido.

Cabe salientar o gran descoñecemento de moitos rapaces e rapazas respecto aos espazos naturais máis próximos, en contraposición ao que teñen respecto aos parques nacionais doutros continentes, que poden ver no cine, nos documentais ou na publicidade. É por este motivo que as actividades, especialmente as saídas de campo, sorprenderon enormemente a todo o alumnado, e demostraron que son espazos moi potentes de aprendizaxe e transmisión de actitudes ambientais e de valor polo propio.

O CEIDA, como centro de referencia para a educación ambiental en Galicia, conta con 20 anos de traxectoria realizando actividades cos centros educativos galegos. Ademáis das desenvolvidas dentro do programa ‘Para unha Transición Ecolóxica’ coa Deputación da Coruña, conta con outros programas educativos vinculados a outras temáticas ambientais, como son a compostaxe ou a conservación do medio mariño, moitos deles en colaboración con outras institucións ou entidades. Así, durante o 2020, participaron nas actividades de educación ambiental un total de 10.435 alumnos e alumnas de todos os niveis educativos de Galicia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.