Maquillaxe. Por @DulceCorcu

Se viviches a túa mocidade alá polos prodixiosos anos oitenta, será imposible non recoñecer, entre outros, os éxitos do grupo musical Mecano. “Sombra aquí, sombra allá. Maquíllate, maquíllate, un espejo de cristal y mírate y mírate”. Así cantaban ao que agora o radiofónico Federico Jiménez Losantos, experto en moda e estilismos varios como todas sabemos, vén de reprocharlle á ministra de Traballo Yolanda Díaz que se pinta moito para o seu gusto, algo impropio de comunistas e podemitas que, segundo di el textualmente “algunhas precísano e outras non teñen arranxo”. Todo isto, seguramente, dende a súa atalaia de irresistible “Adonis” que quizais non todo o mundo sabe aprezar.

Yolanda Díaz está a desenrolar un traballo máis que eficaz no seu ministerio, nunha situación sen precedentes e con ela recén chegada ao posto. Non sae nos medios por nada que non sexa relativo ao seu cometido profesional, nin tampouco se prodiga nas redes sociais fóra dese mesmo labor pero, aínda así, o machismo rancio e patrio non descansa porque, pese a todo, non é coma eles quixeran que fose. Maquillarse, pintar os beizos de vermello ou sorrír nas comparecencias públicas, son cousas que molestan aos resesos acomplexados que seguen querendo facer crer que iso só é algo aceptable cando se trae de berce, cando se é unha “señora” e non unha muller que se permite elixir a súa propia vida.
“Petarda” e “hiena” foron outras das adicatorias a Yolanda Díaz, molesto Losantos por tanto sorriso e por ese anuncio de que as empresas non poderán despedir antes de seis meses aos traballadores que estiveron en ERTE ou terán que devolver as axudas recibidas. Tanto vago bolchevique a cargo do empresariado español que nin sequera pode botalos a rúa cando peche a billa das axudas públicas. “Niñata comunista”, di tamén o George Clooney da radio da ministra de Traballo, ese posto que di el que é o menos indicado de todos para ela, que anda poñendo en apretos aos empresarios en vez de pedirlle solucións á Virxe do Rocío tal coma facía a que ocupaba o cargo antes dela. Jiménez Losantos seguirá vertendo machismo polas ondas, o derradeiro patalexo dos homes que temen ás mulleres poderosas. Ás que son capaces de vivir por si mesmas, en calquera profesión ou lugar. A todas as que ollarán con compaixón a un pobre vello patético que non ten espello de cristal onde mirarse.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.