O BNG alerta da instalación de parques eólicos en Negreira e Ponteceso que non respectan o medio ambiente

O Bloque Nacionalista Galego rexeita á instalación de parques eólicos que incumpren os criterios de respecto medioambiental e que non repercuten positivamente nas comunidades locais, senón que só benefician as empresas promotoras co consentimento do Goberno do PP. Así o destacaron representantes do BNG en diversas administracións durante os encontros que mantiveron con asociacións veciñais e colectivos medioambientais das zonas nas que están previstos proxecto eólicos, como Negreira, Outes, Mazaricos, Ponteceso, Cabana de Bergantiños e Malpica.

“Desde o BNG sabemos que a enerxía é un elemento estratéxico para impulsar o desenvolvemento económico de Galiza e defendemos unha enerxía limpa e renovábel que sexa respectuosa co territorio, coa paisaxe e coas persoas”, subliñaron a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda; a deputada e o deputado no Parlamento Galego, Rosana Pérez e Luís Bará, o alcalde de Mazaricos, Juan Blanco, e o concelleiro en Outes, Anxo Núñez.

“Atopámonos diante de proxectos eólicos aberrantes que pretender arrasar e espoliar os nosos recursos mediante a instalacións de aeroxeneradores de 150 metros de altura moi preto das casas”, explican os representantes do BNG a respecto dos proxectos que afectan aos concellos de Negreira, Outes e Mazaricos. Pola súa banda, segundo salientaron os colectivos veciñais e de defensa do medio ambiente, o problema radica en que “estamos ante un macroproxecto fraccionado, para vulnerar a normativa”.

Incumprimento da normativa comunitaria

No marco da campaña iniciada pola forza nacionalista para denunciar o impacto dos parques eólicos en áreas de interese paisaxístico e de gran valor ambiental, o percorrido tamén incluíu unha visita a Ponteceso, na que asemade participaron o deputado no Parlamento galego, Daniel Pérez; e a responsable local do BNG en Ponteceso, Lucía Veciño, e outros integrantes do BNG comarcal.

O BNG denuncia que a instalación do parque eólico previsto no Monte das Salgueiras -que afecta aos concellos de Ponteceso, Cabana de Bergantiños e Malpica- incumpre os criterios de respecto ao medio ambiente, coa paisaxe e coas persoas, en tanto que o proxecto de eólico sitúase no estuario do río Anllóns, recoñecido como Monumento Natural dentro da Rede Galega de Espazos Protexidos.

O Bloque denuncia que a eólica proxectada, que inclúe 6 aeroxeneradores, se sitúa nun espazo natural protexido, tendo en conta que neste espazo existe flora a protexer, desde as brañas de Gondomil até a praia de Valarés. Ademais, trátase dunha zona fundamental para o avistamento de aves no noroeste peninsular, que se verán afectadas coa instalación dos aeroxeradores. “Desde a instalación do parque de Corme xa se constatou un cambio na súa traxectoria e son numerosas as que todos días impactan contra as aspas”, alerta a responsable do Bloque local.

[useful_banner_manager banners=101 count=1

“Atopámonos, unha vez máis, que en lugar de protexer os espazos incluídos na Rede Natura o Goberno galego incumpre reiteradamente as recomendacións realizadas pola propia Comisión Europea”, apuntan Ana Miranda, que critica que a contribución de Galiza á Rede Natura é unha das máis baixas non só do Estado español (27%), senón de toda a Unión Europea, cun 11,74% de superficie protexida e lembra que recentemente dirixiu unha pregunta á Comisión a respecto da non ampliación da Rede Natura e a falta de control sobre o territorio dende hai anos.

“Son numerosas as solicitudes de autorización de proxectos eólicos, plantación de eucaliptos e proxectos mineiros sobre espazos que figuran nas propostas de ampliación da Rede pero que aínda non se ampliaron”, sinala a portavoz do BNG en Europa. Neste sentido, Lucía Veciño apunta que a 2 quilómetros do proxecto de parque eólico xa existe outro en funcionamento, “polo que non entendemos a instalación de outro máis dadas as dimensións que este ten”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.