O BNG esíxe ao Goberno local “cumprir os compromisos coa veciñanza de Elviña afectada polo Ofimático”

As e os veciños continúan sen coñecer a folla de ruta que manexa o executivo coruñés para deixar as súas vivendas fóra do polígono

Durante a reunión constitutiva da Mesa de Traballo do Plan Parcial do Ofimático realizada o pasado 29 de setembro, o Goberno Local comprometeuse coa veciñanza de Elviña a darlle traslado, nunha seguinte xuntanza, dun documento cos pasos a dar na procura da desafectación, ou dunha solución urbanística análoga, das súas vivendas.

“A segunda reunión da Mesa de Traballo tivo lugar un mes despois, o 29 de outubro, e o problema é que o Goberno Local –representado polo concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada- chegou a ese encontro se ter feito os seus deberes, sen ter elaborado ningún documento que lle apresentar ás veciñas e veciños, que mostraron loxicamente a súa sorpresa e o seu malestar”. A concelleira do BNG Avia Veira pediulle entón ao Goberno Local que confeccionase á maior brevidade posíbel a folla de ruta anunciada e que lla fixese chegar canto antes á veciñanza de Elviña.

Cinco semanas despois, ese documento continúa sen lle ter sido enviado ás veciñas e aos veciños. “Parécenos unha falta de respecto. Os compromisos están para seren cumpridos”, afirma Avia Veira.

No Acordo de Investidura asinado a 19 de xuño de 2019 o PSdeG-PSOE comprometíase co BNG a comezar no primeiro ano de mandato os trámites para a desafectación ou a procura de solucións urbanísticas alternativas e nesa primeira reunión da Mesa de Traballo o Goberno Local avanzou que en efecto achara unha vía para satisfacer as demandas da veciñanza atinxida polo Ofimático, quer no que ten a ver coa desafectación das vivendas quer no que ten a ver co pagamento das cotas de urbanización.

“Mais continuamos sen saber como e cando se vai materializar esa vía. As veciñas e os veciños teñen dereito a seren informados xa. Por iso esixímoslle ao Goberno Local que cumpra a palabra dada e que achegue ás persoas afectadas a documentación comprometida”, di Avia Veira, para quen o executivo coruñés debería convocar unha nova Mesa de Traballo para “dar conta das novidades e tamén da aplicación desa folla de ruta”.

Foto: Confucovi

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.