O BNG leva a Pleno “o amoreamento de xente” nos buses de A Coruña

A concelleira do BNG Avia Veira vaille preguntar mañá ao Goberno Local, no Pleno deste xoves 3D, “por que non se ten dirixido á Compañía de Tranvías para lle esixir que reforzase as liñas de autobús nas horas punta, nomeadamente en traxectos con moita frecuencia de uso como o 1A, o 21, o Universitario, o 6 ou o 14”

“O Concello é o titular do servizo e, por tanto, ten perfecto dereito a lle esixir ao concesionario, a Compañía de Tranvías -unha empresa que obtén substanciosos beneficios económicos- que garanta a seguridade das persoas nestes tempos de pandemia”, declara a concelleira.

“Os amoreamentos de xente continúan a ser a tónica habitual”, denuncia Avia Veira e ante esta situación “a Compañía de Tranvías segue sen reforzar as liñas, singularmente nas horas punta”. “Os buses continúan indo cheos e moitas veces teñen que deixar persoas nas paradas. E o problema é que a concesionaria non reforza o servizo con máis vehículos”, argúe a edil nacionalista.

Ao BNG, remarca Veira, cónstalle que o Goberno Local non se ten dirixido formalmente á Compañía de Tranvías para lle esixir o reforzo dos servizos. “Non existe ningunha orde por escrito, e debería existir, en que se demandase ao concesionario a adopción de medidas para evitar os amoreamentos de xente e desa forma protexer de modo adecuado a saúde das coruñesas e coruñeses”, alega.

“Non se pode obrigar a xente a que escolla entre o dereito á mobilidade e o dereito á saúde. O Goberno Local pode e debe esixirlle á Compañía de Tranvías o reforzo das liñas de autobús nas horas punta”, conclúe a concelleira do BNG.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.