O BNG presionará na Eurocámara para que non se peche a denuncia da ría do Burgo “mentres non estea saneada e os mariscadores non cobren as axudas”

Ana Miranda insta a utilizar os fondos FEDER e FEMP para mellorar as instalacións que utilizan os traballadores e traballadoras

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, avanzou hoxe que o Bloque seguirá traballando na Eurocámara para que a Comisión de Peticións non peche a denuncia aberta no 2012 sobre o saneamento integral da ría do Burgo mentres os mariscadores e mariscadoras non cobren as axudas pola paralización do traballo. “É fundamental que se licite xa o proxecto e que cos fondos europeos existentes se financie o parón da actividade, sobre todo tendo en conta esta época de pandemia tan complicada e despois de tantos anos de retraso”, sinalou Miranda.

Na concentración convocada en defensa do saneamento integral da ría do Burgo e en demanda de que o goberno central faga público no BOE a licitación do proxecto de dragaxe, a portavoz do Bloque en Europa denunciou as pésimas condicións de traballo dos mariscadores e mariscadoras. “Traballan nunhas condicións insalubres, e a través dos fondos FEDER e FEMP poderían mellorarse as instalacións nas que traballan”, manifestou ao respecto Miranda, quen sinala que de Europa proceden un 80% de fondos para sanear a ría do Burgo.

Comprobación das delegacións internacionais

“Ademais do saneamento integral da ría é fundamental que se acometa a mellora das condicións laborais dos mariscadores e mariscadoras”, subliñou Miranda, quen lembrou que a instancias do Bloque na Eurocámara, dúas delegacións internacionais visitaron a ría do Burgo –concretamente en 2013 e en 2019-, comprobando como os lodos contaminantes se acumularon durante anos na ría.

Precisamente co obxectivo de dar a coñecer en Europa a grave problemática da ría do Burgo, que afecta tanto ao marisqueo como ao medio ambiente, representantes dos colectivos afectados interviñeron na Comisión de Peticións da Eurocámara -en xaneiro de 2019-, e conseguir así que esta Comisión mantivese aberta a denuncia. “Este problema é tan grave que dos 2.000 mariscadoras e mariscadores que hai anos había en activo hoxe quedan menos de 100 realizando as actividades extractivas”, apunta Ana Miranda.

“No BNG tomámonos moi en serio os problemas da calidade das augas, e non só seguiremos traballando até conseguir que a ría do Burgo complete o seu saneamento integral, senón que ademais estaremos vixiantes para que PP e PSOE cumpran os seus compromisos e se teñan en conta as demandas do sector”, salienta a portavoz do Bloque en Europa.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.