O Concello de Santa Comba inicia expediente sancionador contra a mina de Varilongo

O Concello de Santa Comba iniciou un expediente de reposición da legalidade urbanística contra a titular da mina de Santa Comba, a mercantil Galicia Tin & Tungsten SL, propiedade de Rafaella Resources Limited, por realizar obras sobre unha vía pública de xeito ilegal, ao non contar coa preceptiva licenza municipal. Logo da intervención da Policía, a Alcaldía asinou un decreto ordenando a paralización das obras e advertindo á empresa de que en caso de desobediencia se adoptarían medidas cautelares.

As obras ilegais foron denunciadas no inicio de novembro por diversos colectivos da Rede Contraminacción como Ecoloxistas en Acción, Verdegaia, Sindicato Labrego Galego, o Comité pola Defensa das Rías Altas, a Plataforma Veciñal BerXallas e Petón do Lobo entre outros, nada máis verificar que a empresa destaponara o transversal de desaugüe “Carballeira” para verter a ao exterior auga que se encontraba almacenada no interior da mina desde fai unha década.

Ademais de levantar a quebra existente no interior do transversal, de 400 metros de lonxitude, a empresa realizou modificacións non autorizadas nunha vía pública para evacuar as augas que, presumiblemente, conteñen altas concentracións de metais pesados.

O transversal “Carballeira” corta nos filóns principais da explotación, denominados “Don Miguel”, “Restrevas” e “Intermedio” á cota 400 (nivel 50), estando conectado o filón “Restrevas” co resto de labores da mina “Carmen” ao nivel 50. Deste xeito, a empresa estaría baleirando por gravidade todas as labores subterráneas, con mineralizacións de sulfuros causantes de drenaxes ácidas, sen contar con autorización de Augas de Galicia nin do departamento de minas da Xunta de Galicia.

Por este mesmo motivo, á marxe do expediente sancionador iniciado polo Concello de Santa Comba, as denuncias de Petón do Lobo tamén se dirixiron a Augas de Galicia, instando á paralización das verteduras que, desde que se destaponou o transversal, se están a producir as 24 horas do día. Os mesmos feitos foron postos en coñecemento da Fiscalía pois poderían ser constitutivos dun presunto delito contra o medio ambiente.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.