O encarecemento dos pensos, «un novo mazazo inasumible” para as explotacións leiteiras

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla reclama «a aplicación efectiva» por parte das industrias da Lei da Cadea Alimentaria mediante unha suba no prezo do leite que permita a cobertura dos custos de produción en orixe «para garantir unha renda digna que evite o peche das explotacións»

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla alerta de que o «forte encarecemento» dos cereais e a suba do prezo doutras materias primas esenciais para a alimentación do gando está a «comprometer gravemente a rendibilidade das explotacións leiteiras galegas».

Agromuralla explica que este encarecemento, que se vén producindo desde o pasado mes de setembro e que ameaza con afectar de cheo ás explotacións a partir do vindeiro mes de xaneiro, «pon en perigo o fráxil equilibrio económico da maioría das as explotacións de leite e ameaza con abocar ao peche a ducias de ganderías».

Segundo detallan, o prezo de produtos como o millo, a cebada, a colza e a soia ten subido máis dun 30% nos últimos tres meses, o que está a facer que as empresas fabricantes de pensos estean a trasladar ese encarecemento ás explotacións ás que subministran, provocándolles un importante incremento nos seus custos de produción, o que supón «un novo mazazo inasumible» para moitos produtores.

«Cos prezos do leite que cobramos os gandeiros, e que se atopan conxelados desde fai anos, calquera suba nos custos de produción das granxas fai que deixen de ser viables», indica Agromuralla, que alerta unha vez máis da “situación de total indefensión dos gandeiros con respecto á industria e á distribución”.

Cláusula fiticia sobre os custos de produción

«As empresas que nos recollen o leite e as cadeas de supermercados que o comercializan fan valer a súa posición de dominio e superioridade, exercendo presión sobre os produtores de leite e empurrando os prezos en orixe cara abaixo», denuncia Roberto López, presidente de Agromuralla.

Desde a asociación de gandeiros explican que «cando tocou revisar os contratos anuais esta primavera, coa desculpa da crise do coronavirus e baixo ameaza de deixar de recollernos o leite, a maioría de industrias aproveitou para baixar o prezo establecido e obrigarnos a asinar unha cláusula nova nos contratos, coa que non estabamos conformes, na que nos trasladan aos gandeiros toda a responsabilidade sobre os custos de produción».

«As condicións asinadas, obrigándonos a traballar con marxes moi pequenas ou incluso inexistentes, saltan polos aires cando se produce unha suba brusca como a que se dá nestes momentos no prezo do penso», explica Agromuralla, «unha situación sobrevida que incrementa de xeito notable os custos de produción e modifica por completo as condicións existentes no momento de asinar os contratos», defenden.

Por iso, para evitar a perda de rendibilidade das granxas por mor da suba nos custos de alimentación do gando, Agromuralla reclama «un incremento do prezo do leite por parte das industrias en paralelo ao que se está a producir no penso» a través da «aplicación efectiva» do recollido na Lei da Cadea Alimentaria, que obriga legalmente ás empresas e primeiros compradores a trasladar os custos de produción ao prezo en orixe dos produtos agroalimentarios, algo que, din «non se está a cumprir» pois as cláusulas sobre os custos de produción son «algo meramente ficticio introducido nos contratos unicamente para cumprir coa formalidade normativa».

Cada día que pasa pecha unha explotación

Os prezos do penso condicionan en boa medida os custos de produción das explotacións galegas e o seu encarecemento provoca tensións na rendibilidade das granxas, ao igual que acontece con subas bruscas noutros insumos como o gasóleo, a luz, a palla ou as forraxes.

«Se o penso sube, o leite tamén ten que subir para garantir unha renda digna aos produtores que evite o peche de máis explotacións e o abandono do rural», argumenta Roberto López, que aporta datos sobre a situación do sector en Galicia. «Na nosa comunidade cada día que pasa pecha unha granxa de leite e neste momento xa somos menos de 7.000 as ganderías que seguimos en activo, segundo os datos oficiais do propio Ministerio de Agricultura, cando fai unha década eramos o dobre», detalla.

Dependencia de insumos externos das ganderías

A escaseza de base territorial na maioría das explotacións leiteiras galegas lévaas a ser fortemente dependentes de insumos externos e convérteas en máis vulnerables á hora de afrontar subas provocadas por cambios na coxuntura de prezos a nivel internacional.

Por iso, desde Agromuralla reclámase unha vez máis das Administracións «a posta en marcha de ferramentas áxiles e efectivas que permitan ás explotacións incrementar a súa superficie agraria e gañar en autosuficiencia forraxeira».

Polos portos da Coruña, Marín e Vilagarcía entran cada ano 800.000 toneladas de cereais como millo, trigo ou cebada (outro millón de toneladas procede do mercado interno) e outras 800.000 toneladas de proteaxinosas (soia e colza fundamentalmente), cos que se elaboraron o ano pasado en Galicia 3,1 millóns de toneladas de penso.

Produtos como a soia ou a fariña de colza son fundamentais nas formulacións de racións para vacas de leite. Trátase de dúas materias primas que é necesario importar na súa totalidade. A soia, por exemplo, procede de países como Brasil, Arxentina ou os EEUU e a súa cotización é fixada en Bolsas como a de Chicago, onde os movementos especulativos nos últimos meses están a provocar unha forte alza que acaban notando as explotacións de leite galegas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.