O PP insta a Tomé a garantir o compromiso da Deputación para construír o polígono industrial de Baralla

Facilitar solo industrial en condicións atractivas é fundamental para estimular a economía dos concellos e, no caso de provincias coma a de Lugo, imprescindible para frear o despoboamento. No ano 2006, a Deputación, Suplusa e o Concello de Baralla firmaron un convenio para desenvolver un polígono industrial en Vilartelín, de máis de 200.000 metros cadrados.

A día de hoxe, en Baralla seguen sen polígono industrial. O viceportavoz provincial do PP José Antonio García insta ao presidente da Deputación a confirmar o compromiso da institución provincial para crear o parque empresarial de Baralla, un compromiso xa recollido no convenio do 2006, cuxa vixencia reclamou o alcalde, Miguel González, en carta dirixida a Tomé no pasado mes de novembro, antes do acordo, co voto en contra do PP, de extinción de Suplusa.

Nesa misiva, o alcalde, destaca José Antonio García, facía fincapé en que Suplusa adquiriu no ano 2005 un total de 300.000 metros cadrados de terreo no lugar de Vilartelín con destino á futura construción dun polígono industrial, o que supuxo un desembolso de 1.500.000 euros. O alcalde reclamou “que a Deputación Provincial de Lugo asuma o convenio asinado no seu día con Suplusa, e polo tanto a súa execución”.

José Antonio García sinala: “É necesario que Tomé mostre vontade de manter eses compromisos. É preciso que sexa así para superar os problemas económicos da provincia en xeral, e dos concellos en particular; no caso que nos ocupa, do de Baralla”. Engade: “É algo que levamos esixindo dende o momento en que se propuxo a liquidación de Suplusa e sobre o que Tomé non acaba de adquirir compromisos”.

O mesmo representante do PP indica: “Está moi ben que o presidente da Deputación se desprace pola provincia, pero é hora de que confirme que o polígono deste Concello figura nos planes dos organismo provincial, cumprindo o convenio firmado no seu día polos entón presidente da Deputación e alcalde de Baralla”.

No convenio establecido en decembro de 2006, o Concello de Baralla comprometíase a modificar puntualmente o planeamento xeral para cualificar como solo urbanizable non delimitado unha superficie de 306.084 metros cadrados, así como a tramitar os expedientes necesarios para a adquisición dos terreos. Igualmente, o Concello asumía o compromiso de dotar ao polígono de todos os servizos necesarios: auga, sumidoiros e enerxía eléctrica, ademais de establecer compromisos firmes con empresas para o seu asentamento no polígono. O concello encargaríase da conservación dos espazos públicos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.