Os socialistas de Taboada denuncian “o pasotismo e a inacción do goberno do PP”

Roi Rigueira remarca que “a última sesión plenaria estivo, como case sempre, protagonizada polas iniciativas e preguntas presentadas polo PSdeG-PSOE, co fin de mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza e de fiscalizar a labor do alcalde do PP e o seu equipo”
O Voceiro do PSOE de Taboada, Roi Rigueira criticou hoxe “a inacción, a parálise e a pasividade na que está sumida o Goberno do PP no Concello de Taboada”. Así o dixo trala celebración da sesión plenaria ordinaria de decembro, “na que na Orde do Día só se incluía por parte do equipo de goberno a aprobación de actas anteriores e un mero trámite administrativo. Hai que lembrar que xa no pasado pleno do mes de outubro, a orde do día do Pleno tampouco reflectía puntos de interese por parte do goberno local. Polo tanto, no mes de decembro celebramos un pleno porque o marca a normativa, xa que estamos diante dun goberno sen rumbo claro e sen un proxecto definido para as veciñas e veciños de Taboada”, replicou.
O Voceiro Socialista remarca que “a sesión plenaria estivo, como case sempre, protagonizada polas iniciativas e preguntas presentadas polo PSdeG-PSOE, co fin de mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza e de fiscalizar a labor do alcalde do PP e o seu equipo”. Nesa liña criticou “a falla de ambición, de traballo e de ilusión por parte do Goberno do PP de Taboada, xa que ten a obrigación de gobernar e de loitar para mellorar as condicións de vida de tódolos veciños e veciñas do noso concello”.
Prevención e eliminación dos niños de vespa velutina
Rigueira, defendeu unha moción para a prevención e eliminación dos niños de vespa velutina. “Con esta proposta, aprobada por unanimidade, instamos ao Concello a trampear en primavera para eliminar as raíñas, xa que é o método máis eficaz de prevención contra esta especie invasora; cremos que o Concello pode ser directamente o que coloque as trampas, ou tamén pode proporcionarlle material de trampeo a aquelas persoas que esteen dispostas a colocalo. Desde o PSdeG-PSOE consideramos que as administracións locais teñen que aportar solucións nesta loita, xa que é un grave problema que afecta ao todo noso entorno. Por iso emprazamos ao Goberno do PP de Taboada a moverse e non seguir de brazos de cruzados, diante desta situación”.
Prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida
Nesta mesma sesión plenaria o Grupo Socialista presentou outra proposta para que o Concello sinalice prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida. “Queremos que se cumpra a normativa, e que dende o Concello se facilite o desprazamento ás persoas con mobilidade reducida, por iso demandamos que se habiliten estas prazas en espazos de moito tránsito (como por exemplo o centro médico, farmacias, colexios, Concello ou entidades bancarias). Consideramos que é un dereito fundamental para estas persoas, co fin de facilitarlles realizar as súas tarefas diarias coa maior comodidade posible”. Esta moción tamén se aprobou por unanimidade, e anunciouse por parte do Concello, que estas melloras realizaranse con fondos do Plan Único da Deputación do ano 2021 .
Preguntas
Roi Rigueira tamén aludiu a outras cuestións que foron tratadas nesta sesión plenaria, como por exemplo os recentes problemas co alumeado público en varias aldeas (O Torrón, Cerdeda, Taboada dos Freires) e tamén nalgunhas rúas do casco urbano (Rúa das Insoas.). E sobre a retirada vehículos abandonados, xa que supoñen un foco de suciedade e un perigo debido á súa proximidade ao parque infantil, ou sobre o aumento dos servizos da oficina de Correos. “Sobre estes asuntos dende o Concello alegan que non se pode realizar ou que é moi difícil de solventar”.
Dende o PSdeG-PSOE preguntaron tamén porqué o concello non se adheriu a ningún dos obradoiros duais que a Xunta de Galicia impulsou en máis de 40 concellos da provincia de Lugo, e que darían emprego ao pobo e a posibilidade de arranxar deficiencias existentes. “Pero unha vez máis tivemos en fronte ao pasotismo do Alcalde, seguimos sen facer nada”.
Interpelaron ao Goberno Local para coñecer como se atopaba a redacción da ordenanza que regule o uso e aproveitamento especial de vías públicas e de espazos de titularidade municipal, e anunciouse que está en trámite. Tamén denunciaron os traballos feitos nunha propiedade privada en Sobrecedo por parte de traballadores e maquinaria pública municipal.