Preocupación de Feijóo ante a deriva que están a tomar as negociacións sobre o brexit

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, vén de remitir unha carta tanto ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, como á ministra de Exteriores, Unión Europea e Cooperación, Arancha González Laya, na que lles traslada a preocupación do Goberno galego ante a deriva que están a tomar as negociacións entre a Comisión Europea e o Reino Unido sobre o brexit en materia pesqueira. Neste sentido, a comunidade defende que se siga coa liña marcada inicialmente no mandato negociador e que a pesca non sexa usada como moeda de cambio para chegar a un acordo.

O Executivo autonómico subliña que a última proposta de acordo coñecida sobre as negociacións de Bruxelas co Goberno británico semella romper con eses preceptos e coas liñas marcadas inicialmente, o que afectaría á frota galega de Gran Sol -arredor de 80 buques-, que é a que maior volume de facturación xera en termos de pesca fresca na comunidade. A ese impacto habería que sumar o da frota de capital galego que desenvolve a súa actividade en augas de Malvinas.

A comunidade galega pide que se manteñan as liñas vermellas establecidas previamente e subscribe as palabras do sector pesqueiro europeo cando sinala que a pesca é unha parte integral da relación entre a UE e o Reino Unido e que debe ser parte integral do futuro acordo entre as partes, incluídas as posibles revisións dese pacto.

Nese sentido, Galicia será belixerante e oporase firmemente con todos os medios ao seu alcance a un acordo que poña en risco a actividade da súa frota, moi prexudicada xa no seu día no proceso de axuste derivado da entrada de España na Comunidade Económica Europea.

Galicia aposta por un acordo que permita manter o statu quo mediante o acceso da frota comunitaria ás augas británicas a cambio da entrada dos produtos pesqueiros do Reino Unido no mercado comunitario sen ningún tipo de arancel. Trátase da proposta que a comunidade defendeu desde o principio e que beneficiaría ás dúas partes pois Europa conta cunha importante frota que faena en augas británicas e o mercado comunitario é o principal destinatario dos produtos pesqueiros do Reino Unido.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.