Tino Fernández. “O PP de Pontevedra desprestixia o traballo que veñen desempeñando os profesionais do Concello no eido dos Servizos Sociais e a Educación”

O tenente de alcalde e voceiro do Grupo Municipal do PSOE, Tino Fernández, afirmou esta mañá que, se ben aínda non se recibiu por Rexistro nin por outras canles unha proposta oficial de gasto social do PP, “sempre é unha ledicia que o Partido Popular se poña a traballar, porque levaban xa moitos meses bastante desaparecido e que se poña a traballar e faga cousa xa é un pasiño para que a súa oposición sexa útil”. Non obstante, o edil socialista lamentou o intento dos ‘populares’ de “despretixiar o traballo que veñen desempeñando os profesionais que no Concello de Pontevedra se adican tanto ao eido do Servizos Sociais como ao da Educación”, cando “o primeiro que hai que facer é agradecerlle a todos eses profesionais o enorme traballo que están a facer desempeñando incluso competencias que non son propias do Concello de Pontevedra e que debería asumir a Xunta de Galicia, que como todos sabemos está gobernada por un partido que se chama Partido Popular, do que forman parte os concelleiros do PP de Pontevedra”.

Ao analizar algunhas das cuestións plantexadas pola oposición, Fernández considera que “hai cuestións que chaman moito a atención”, como que se pida un incremento no convenio coa Fanpa “cando xa hai un incremento neste convenio pactado coa propia Fanpa”. “Parece que hai un importante descoñecemento, mesmo das liñas de emerxencia social, xa que se pide duplicalas, cando ao longo deste ano, máis que se duplicaron as achegas neste eido, por certo para atender cuestións e competencias que en moitos casos correspóndenlle á Xunta de Galicia e para as que á Xunta nin está nin se lla agarda. Semella que as propostas están bastante alonxadas da realidade e descoñecen o funcionamento e grao de implicación dos Servizos Sociais, cousa que non me sorprende porque acaban de poñerse a traballar despois de estar un ano sen facer gran cousa e teñen que poñerse ao día”, sostén Tino Fernández.
Non obstante, o tenente de alcalde pídelle ao PP de Pontevedra que “ademais de poñerse a traballar no Concello e de facer propostas, tamén o fagan dentro do seu propio partido e nos trasladen que realmente valen para algo e que son capaces de influír no seu Goberno da Xunta para que asuma as súas competencias, porque hai un partido que goberna Galicia e que ten un montón de competencias que non están sendo exercidas e que están sendo derivadas ao Concello de Pontevedra”. Segundo lembrou, “hai leis que levan sete anos para cambiarse e que obrigan a que os concellos asumamos responsabilidades en Servizos Sociais porque non se chega a un acordo de financiamento autonómico”, polo que o mellor que poden facer os ‘populares’ é influír na Xunta de Feijóo “para que esas competencias sexan asumidas por quen corresponde”. 
“Hai un exemplo clarísimo, que vimos denunciando durante anos, que é a Unidade de Drogodependencias (UAD), que está financiada polo Concello, pero que é comarcal e polo tanto atende a máis xente que á do municipio. Iso é competencia da Xunta de Galicia. Outro exemplo: este ano tivemos un sobrecuste de 400.000 euros para a limpeza e desinfección dos colexios e estamos agardando a ver se algún día recuperamos algo deses cartos, que poderían investirse noutras cousas”, subliñou o concelleiro do PSOE

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.