Un exalumno da Escola Politécnica Superior de Ferrol consegue o primeiro premio ás mellores prácticas de enxeñaría de toda España

As prácticas que o exalumno do máster en Enxeñaría Industrial da Escola Politécnica Superior (EPS), Santiago José Tutor Roca, realizou en Navantia, e máis concretamente no estaleiro de Fene, servíronlle para acadar o primeiro premio no I Concurso de Distincións á Excelencia nas Prácticas de Alumnado de Enxeñaría que promove o Instituto de Enxeñaría de España en colaboración coa Rede de Fundacións Universidade-Empresa (REDFUE) e co INECO

A través deste concurso, o Instituto de Enxeñaría de España quixo galardoar tres Prácticas de Enxeñaría realizadas en empresas establecidas en calquera punto de España e consideradas polo xurado como excelentes. As prácticas debían terse realizado íntegra ou parcialmente durante o curso 2019/20 e contar cunha duración mínima de 6 meses.

O exalumno da Escola Politécnica Superior (EPS), Santiago José Tutor Roca, recolleu o seu galardón, o pasado 26 de novembro, na sede do Instituto de Enxeñaría de España en Madrid onde recibiu unha placa conmemorativa e cheque por valor de 4.000 euros. Neste mesmo acto, a organización do concurso premiou tamén ao seu titor profesional en Navantia, Adolfo Lamas Rodríguez, e máis ao seu titor académico na Universidade da Coruña, Vicente Díaz Casás.

Pola súa banda, os dous accésits foron para Paula González Mayo, da Universidade Politécnica de Madrid e prácticas en Airbus Defense and Space, e mais para Ignacio Novas Pascual, da Universidade Carlos III de Madrid e prácticas en EDP Renováveis. Ambos recibiron cadansúa placa conmemorativa e un premio de 1.000 euros.

O xurado valorou especialmente aqueles traballos que supoñían aportacións tanxibles da enxeñaría en temas de interese xeral e con capacidade de seren replicados nun futuro. Do mesmo xeito, tamén se valoraron outros aspectos como poden ser a temática social (servizos públicos, xestión do coñecemento, emprego, Axenda 2030, desenvolvemento sostible, seguridade ou a mellora do medio ambiente), a dificultade, a orixinalidade, a innovación e o impacto das mesmas. Ademais do expediente académico do alumno ou alumna, tamén se tivo en conta a metodoloxía de supervisión das prácticas, a calidade da documentación aportada e a presentación realizada ante o xurado.

Case 11 meses no estaleiro de Fene

O exalumno do máster en Enxeñaría Industrial da Escola Politécnica Superior (EPS), Santiago José Tutor Roca, realizou as súas prácticas en empresa no estaleiro de Fene desde novembro de 2019 ata outubro de 2020. Tal e como el mesmo indica, formou parte do Centro de Programas Eólica (N8W) onde traballou no modelado, simulación e optimización do proceso de 62 jackets para o proxecto de enerxía eólica mariña Saint- Brieuc que a empresa Iberdrola está a levar a cabo na Bretoña francesa.

Actualmente, Tutor Roca, traballa como técnico de apoio á investigación na Unidade Mixta de Investigación UDC – Navantia situada no Centro de Investigacións Tecnolóxicas (CIT) do Campus de Ferrol. Baixo a coordinación de Adolfo Lamas Rodríguez segue a afondar no modelado e na simulación de procesos de eólica mariña.
.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.