A costa coruñesa é clave para a conservación das poboacións europeas e globais de máis de 15 especies de aves mariñas

O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia continúa traballando na conservación das aves mariñas da provincia da Coruña a través do proxecto ÁRTABRO 2

Pola súa configuración e situación xeográfica a costa galega, e particularmente a coruñesa, sitúase no corazón dun corredor migratorio atravesado anualmente por millóns de aves mariñas de orixes tan dispares como Siberia, o ártico canadiano ou o extremo Atlántico Sur. A cantidade de aves que transita as nosas costas acada en máis de quince especies porcentaxes relevantes das súas poboacións europeas e mundiais, o que lle outorga a estas augas unha importancia clave para a súa conservación, motivo polo cal foron declaradas ata tres Zonas de Especial protección para as Aves (ZEPA) que se integran na Rede Natura 2000 da Unión Europea, a principal rede de áreas protexidas do planeta. Entre estas especies poden citarse o furabuchos balear (pardela balear en castelán), a ave mariña máis ameazada do mundo, ou o carrán artico (charrán artico en castelán), que coas súas viaxes de máis de 70.000 kilómetros ao ano é o animal que realiza a migración anual máis longa do planeta.

A costa galega alberga ademáis concentracións de cría de importancia europea para especies como o corvo mariño cristado (cormorán moñudo en castelán) ou o paíño do mal tempo (paíño europeo en castelán), a ave mariña máis pequena do mundo.

Estas e outras aves mariñas comparten esta “vía de comunicación” que constitúe o corredor migratorio cos máis de 40.000 buques que transitan polo Corredor Marítimo de Fisterra, e conviven cunha importantísima actividade náutica, portuaria e pesqueira, contribuíndo a que este territorio sexa un dos lugares do mundo nos que de maneira máis obvia conflúen todas estas actividades humanas cunha rica biodiversidade mariña e litoral.

Neste contexto, durante o ano 2019 o CEIDA desenvolveu o proxecto Aves Ártabras, co obxectivo de dar a coñecer a importancia que teñen para a conservación de especies como o corvo mariño cristado ou o furabuchos balear as augas do Golfo Ártabro, territorio no que as prácticas pesqueiras tradicionais e respectuosas co medio constitúen un exemplo de compatibilidade da actividade pesqueira coa conservación das aves mariñas.

A potencial creación dunha nova ZEPA no Golfo Ártabro completaría unha rede de áreas mariñas protexidas nun territorio no que conflúen as mesmas poboacións de aves mariñas e os  mesmos impactos e actividades humanas, o que fai necesaria unha xestión integral e conxunta de todas elas.

Con este obxectivo nace o proxecto ARTABRO2, que o CEIDA executará ao longo de 2021 co apoio da Fundación Biodiversidad a través do Programa pleamar, cofinanciado con fondos FEMP.

Este ambicioso proxecto incluirá dous bloques de actuacións. Por un lado, levarase a cabo un importante programa científico para avanzar no coñecemento das súas poboacións, movementos e diversidade xenética, así como actuacións para o reforzo das súas poboacións. No ámbito social, o proxecto incorpora un elevado número de obradoiros participativos, xornadas, charlas e elaboración de materiais divulgativos que permitan achegar á poboación a importancia da conservación das aves mariñas da súa contorna, non só dende un punto de vista ambiental senón tamén económico e social.

Mañá xoves, 28 de xaneiro, ás 19:00 h, terá lugar unha presentación online do proxecto, aberta a todas as persoas interesadas. As prazas son limitadas.

Máis información e inscrición

Foto portada: Dani Monteagudo e Carla Soaje

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.