A Deputación de Lugo resolve o contrato coa adxudicataria da obra en Infanta Elena por incumprir obrigas contractuais

A institución provincial achega 1,4M€ para o proxecto de desdobramento e humanización desta avenida da capital lucense a través dun convenio co Concello, en   base ao que tamén se ocupa da contratación das obras, que volverá a sacar a licitación

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a resolución do contrato coa adxudicataria das obras de desdobramento e humanización da avenida Infanta Elena, no concello lucense, debido a que a empresa incumpriu obrigas contractuais esenciais. Tamén aprobou a incautación da garantía definitiva, por importe de 42.594,08€.

En concreto, segundo determinan os informes dos técnicos provinciais, a adxudicataria, Obras, Pavimentos e Instalaciones Industriales SL (OPAIN, SL), incumpriu a “obriga contractual esencial de elaboración e presentación en tempo e forma do Plan de Seguridade e Saúde, co obxecto de ser informado e aprobado pola Administración antes do reformulo ou implantación, e do inicio da obra”, o que “constitúe causa de resolución de contrato de conformidade co estipulado na cláusula 22.2 do Prego de Cláusulas Administrativas Particulares, e en aplicación do establecido no artigo 211.1.f da Lei de Contratos do Sector Público”.

O acordo de resolución do contrato das obras da avenida Infanta Elena por causas  imputables ao contratista que foi adoptado hoxe pola Xunta de Goberno prodúcese despois de que o mesmo órgano provincial acordase o pasado 6 de novembro iniciar o inicio do procedemento para a resolución. O contratista presentou alegacións, que foron desestimadas. Agora, darase traslado da proposta de resolución ó Consello Consultivo de Galicia para a emisión do seu preceptivo informe.

A  Deputación lembra que a solicitude de resolución do contrato imputable á administración provincial que presentou a empresa o pasado mes de novembro foi inadmitida.

A institución provincial achega 1,4M€ para o proxecto de desdobramento e humanización da avenida Infanta Elena a través dun convenio de colaboración co Concello de Lugo, en base ao que tamén se ocupa da contratación e da execución das obras, que volverá a licitar en canto conclúa o actual expediente de resolución. A Deputación aprobou en Pleno unha addenda a este convenio, que amplía o seu prazo de vixencia ata o 30 de setembro de 2024.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.