“A desaparición da Casa Carnicero é un fracaso colectivo”

O BNG de Oleiros lamenta a maneira de proceder do goberno local «coas peores formas posíbeis»

Despois do lume deste pasado verán, o derrubamento da Casa Carnicero por iniciativa do Concello de Oleiros “constitúe un fracaso na obriga de conservar un edificio datado arredor de 1915, obra de Rafael González Villar. Á falta de iniciativa da Consellaría de Cultura en materia de patrimonio xúntase un proxecto político esgotado no ámbito municipal que traballa unicamente a curto prazo” denuncian dende o BNG de Oleiros.

Xa no mandato anterior, concretamente en 2017, o BNG de Oleiros amosou a súa preocupación polo acelerado proceso de deterioro da Casa Carnicero, preguntando de aquela por escrito ao goberno municipal se había algún expediente de ruína aberto ou, cando menos, de réxime sancionador contra os de aquela propietarios do edificio. A resposta do executivo de Ángel García Seoane foi de aquela que non figuraba aberto expediente ningún sobre o estado da casa.

O BNG oleirense lamenta profundamente que “desde que se produciu o incendio, xa hai meses, se optase por non facer caso ningún das múltiplas voces que, desde distintos ámbitos, pediron que se estudasen para a Casa Carnicero todas as opcións antes da demolición. Ben se puido ter creado unha mesa de traballo ou equipo semellante, no que por exemplo tivesen voz a delegación coruñesa do Colexio de Arquitectura ou a Escola Superior de Arquitectura da UDC. Parece que non interesou seguir ese camiño», lamenta a formación nacionalista.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.