A Xunta pagou o ano pasado máis de 105M€ das axudas da PAC na provincia de Lugo

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que as achegas distribuídas a través deste programa benefician a uns 11.000 agricultores e gandeiros lucenses

A Consellería do Medio Rural pagou o ano pasado na provincia de Lugo máis de 105 millóns de euros (105.629.367 euros) das axudas da Política Agraria Común (PAC), que benefician a uns 11.000 agricultores e gandeiros lucenses.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, explicou hoxe nunha rolda de prensa que o 80% do total (85 millóns de euros) corresponde aos pagos directos financiados polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga), que inclúen distintas liñas entre as que destacan os coñecidos como pago básico, pago verde -que atende a criterios de coidado ambiental-; axudas a explotacións que manteñan vacas nutrices, vacún de ceba, vacún de leite, ovino e cabrún, os apoios para agricultores mozos que comecen a súa actividade e os orientados á produción de cultivos proteicos e legumes de calidade.

O 20% restante pertence ás medidas de desenvolvemento rural que xestiona o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga). En concreto, no último exercicio aboáronse 10,2 millóns de euros en axudas asociadas a Zonas con Limitacións Naturais (ZLN), unha consideración que teñen  todos os concellos lucenses salvo Rábade; e 10,3 millóns  para o fomento de accións ambientais e da agricultura ecolóxica.

Arias precisou que estes importes representan case o 50% dos investimentos da PAC no conxunto da Comunidade. “Estas cifras reflicten o peso do sector primario na economía da provincia e a incidencia que teñen estas axudas para estabilizar as rendas dos agricultores e para revitalizar o noso medio rural”, apuntou.

O delegado incidiu no esforzo da Xunta por axilizar os trámites e os pagos e, nese sentido, lembrou que Galicia foi das primeiras comunidades autónomas que pagou anticipos das axudas da PAC correspondentes á campaña de 2020.

Distribución por comarcas

En canto ao reparto por zonas, o 25% das axudas distribuídas o ano pasado (26,6 millóns de euros) corresponden á Terra Chá. Nesta comarca está o concello que suma máis ingresos da PAC, o da Pastoriza, que recibiu algo máis de 5 millóns de euros.

En segundo lugar está a comarca de Lugo, que asume o 18% do total (18,5 millóns de euros). Nesta zona atópase o terceiro municipio con maior investimento, o de Lugo (4,1 millóns de euros). Pola súa banda, na área de Sarria repartíronse o 17% dos cartos (17,7 millóns de euros) e o concello de Sarria é o segundo da provincia con máis pagos da PAC en 2020 (4,8 millóns). A Zona Sur obtivo o 13% do investimento: a comarca de Chantada asume 7,8 millóns de euros, Terra de Lemos 5,5 millóns e Quiroga 572.900 euros.

Nas áreas da Fonsagrada e Os Ancares aboáronse o 12% das achegas (12,1 millóns de euros); A Mariña asumiu 7,8 millóns (7% do total); A Ulloa 4,7 millóns (5%) e a comarca de Meira 3,9 millóns (4%), dos que 2,4 millóns foron destinados a agricultores e gandeiros de Pol.

No tocante ao reparto por concellos, doce municipios da provincia superaron os 3 millóns de euros de ingresos da PAC o ano pasado. Así, á Pastoriza, Sarria e Lugo séguenlle Castro de Rei (3,9 millóns), Vilalba (3,8 millóns), Friol (3,8 millóns), Guitiriz (3,8 millóns), Chantada (3,5 millóns), Paradela (3,5 millóns), A Fonsagrada (3,3 millóns), Cospeito (3,3 millóns) e Láncara (3 millóns).

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.