A Xunta xa pagou máis do 92% das axudas aos 713 negocios da hostalaría lucense acollidos ao Plan de Rescate

A cidade de Lugo lidera os pagos en Galicia, co 93% das axudas xa cobradas polos 428 negocios do municipio que accederon a este plan

A Xunta de Galicia xa pagou o 92,4% das axudas aos 713 negocios de hostalaría da provincia lucense que se acolleron ao plan de rescate para persoas traballadoras autónomas, microempresas e establecementos hostaleiros pechados polas restricións sanitarias, posto en marcha polo Goberno Galego. Así o puxo de manifesto o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, quen chamou a atención sobre o compromiso da Xunta para atender estas solicitudes, dedicando 2 millóns de euros, en resposta a esas 713 peticións aceptadas, dun total de 771 presentadas en toda a provincia lucense.

Arias Fouz destacou que a porcentaxe dos pagos realizados aínda mellora algo máis en Lugo, xa que foron abonadas o 93% das axudas económicas, nun concello ao que se destinarán 1,1 millóns de euros. Esta partida dedicarase a atender as peticións dos 428 establecementos hostaleiros, e que supoñen o 60,3% de todos os negocios do sector que funcionan na cidade.

Os 713 negocios hostaleiros da provincia acolléronse ao Plan de Rescate posto en marcha pola Xunta, que permitiu a máis de 14.700 hostaleiros galegos recibir un apoio económico  que suporá un importe total de 23,7 millóns de euros. Proba da receptividade do sector a este plan de rescate, que contemplaba tres liñas de axudas á hostalaría, autónomos e microempresas, é que o 70 por cento dos hostaleiros galegos tiveron acceso ao mesmo.

Este plan permitiu ademais que unha alta porcentaxe dos negocios afectados pola crise económica e as restricións sanitarias provocadas pola COVID-19 puideran beneficiarse de varias liñas de axudas. A contía mínima percibida para un mes de peche foi de 1.500 euros, mentres que a máxima alcanzou os 8.500 euros.

Segundo Plan de Rescate e Fondo de Cooperación para Hostalaría

Ante as recentes restricións acordadas polo comité clínico e os novos peches aos que terá que facer fronte o sector, a Xunta de Galicia xa está a traballar en futuras liñas de axudas e apoios directos á hostalaría. Sen dilación, e en coordinación co sector hostaleiro e cos representantes do diálogo social, porase en marcha un segundo plan de rescate que permita ás actividades máis afectadas polas restricións sanitarias recibir liquidez cara a manter o emprego nos próximos meses.

Ademáis, os representantes provinciais da hostalaría e o Goberno galego veñen de propoñer, por outra banda, un fondo de cooperación Covid-19, no que estean implicados deputacións e concellos, co obxectivo de evitar o peche das empresas e autónomos do sector.

Seguindo a liña adoptada por outras comunidades autónomas, este novo fondo integraríase ao 50% con achegas da Administración autonómica, ao 30% das deputacións e o 20% dos concellos.

O delegado territorial da Xunta en Lugo fixo fincapé na necesidade de implicar a todos os sectores e administracións neste proxecto, apelando máis que nunca a actuar con altura de miras, máis aló de cores políticas ou debates estériles sobre competencias.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.