Arias subliña que as axudas do programa ‘O Teu Xacobeo’ promoven “unha celebración máis participativa en todo o territorio”

O delegado territorial sinala que a Xunta achega 3,3 millóns de euros para facer realidade nos vindeiros meses unha programación cultural proposta por administracións locais, entidades sen ánimo de lucro e mesmo particulares

A Xunta de Galicia vén de dar luz verde á nova programación cultural que se desenvolverá ao abeiro da segunda edición do programa O Teu xacobeo, unha iniciativa financiada pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo para lograr que a celebración do Ano Santo sexa máis participativa e chegue a todo o territorio.

Así o confirmou o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, que explicou que a convocatoria establece tres liñas de axudas que atenden á tipoloxía dos beneficiarios; a de concellos, mancomunidades, consorcios locais galegos e deputacións provinciais de Galicia, priorizando aos municipios de menos de 50.000 habitantes; a destinada a persoas físicas ou xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que estean comprendidas na definición de pequena e mediana empresa; e unha terceira liña enfocada a entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro.

Na provincia de Lugo destínanse 67.600 euros ás propostas presentadas polos concellos de Triacastela, A Pobra de Brollón, Chantada, Outeiro de Rei, Pantón, Guitiriz e Monforte de Lemos. Trátase de actividades culturais que xiran arredor da música, da creación audivisual ou do patrimonio, entre outros aspectos.

En canto aos proxectos subvencionados nas liñas 2 e 3, é dicir, os dirixidos a empresas e a entidades sen ánimo de lucro, hai 38 que afectan a máis dunha provincia (27) ou a toda Galicia (11). Na súa maioría son iniciativas tuteladas por fundacións ou universidades que fan referencia a diferentes rutas ou camiños, proxectos dirixidos a centros educativos ou actuacións no patrimonio que abranguen varias provincias ou a totalidade da comunidade galega. Mesmo hai unha actuación que comparte a provincia de Lugo coas comunidades autónomas de Asturias e Cantabria.

Datos xerais

A segunda edición do programa O Teu Xacobeo permitirá desenvolver un total de 220 propostas en Galicia, orientadas a dinamizar a programación sociocultural do Xacobeo 2021-22, destinando un investimento de case 3,3 millóns de euros. Tras a resolución da concesión, os beneficiarios acaban de comezar a desenvolver os seus proxectos para o que contan de prazo ata o próximo mes de setembro, tras a concesión dun aprazamento por culpa da covid-19 co obxectivo de que poidan dispoñer de máis tempo para levar adiante os proxectos propostos.

Esta segunda edición volveu resultar un éxito de convocatoria, con case un milleiro de proxectos presentados, que permitirán mobilizar un orzamento de 5,8 millóns de euros. O resultado é unha programación sociocultural que está a contribuír na promoción de Galicia e, especialmente, do Xacobeo 2021, a través dun impulso  descentralizado e plural que permite o desenvolvemento de actividades en todo o territorio galego.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.