Cambios nas liñas 21 e 11 do bus urbano de A Coruña

“Para darlle unha mellor cobertura aos barrios e reducir tempos de espera”

O Goberno local de A Coruña anunciou hoxe no pleno que efectuará cambios importantes nas liñas de bus urbano e tal e como o demandou a asociación de veciños de Novo Mesoiro, modificará a ruta do 21, así como realizará unha mellora na do 11, que consistirá nunha modalidade “exprés”, que diminuirá os tempos de espera.

Ademais, o concelleiro Juan Díaz Villoslada asegurou que desde Mobilidade están en fase de probas para instalar un carril 30 na rolda de Outeiro, nesa idea de cidade que ten o Goberno de Inés Rey, en que “apostamos pola redución de velocidade, polo transporte público e mais pola creación de espazos peonís que favorezan o tránsito a pé”. Pola súa parte, o edil tamén manifestou que o cambio á plataforma tecnolóxica que lle dará cobertura ás persoas usuarias da Tarxeta Millennium estará operativa no primeiro semestre de ano ao estar superando a fase real de probas e que están realizando os estudos técnicos correspondentes para que o transporte público dispoña dunha plataforma única en Juan Flórez. Por outro lado, Villoslada recordou que neste ano se mellorou a accesibilidade de 14 paradas de bus.

O concelleiro sinalou durante a sesión plenaria a necesidade de crear un único transporte metropolitano e reiterou a intención deste Goberno de fomentar unha mobilidade urbana máis sustentable logo da subscrición hai meses á declaración institucional que así o manifesta. Afirmou que non se pode xestionar o transporte atendendo a límites municipais e recordou que o Concello lle suxeriu á Xunta cambiar o novo convenio de cara á creación dun único corpo: “Esperamos que cumpra ese compromiso adquirido coa cidade, porque iso suporá mellorar o futuro non só do transporte en autobús, senón tamén de fórmulas alternativas de mobilidade na Coruña e na súa área metropolitana”. O edil insistiu en que agarda que o Goberno autonómico afronte eses compromisos e dixo non entender a oposición do PP a esta cuestión no pleno de hoxe.

O edil explicou que se ben é certo que a pandemia lle asestou un duro impacto no transporte público, o grande esforzo que está realizando a Compañía de Tranvías e o persoal traballador tanto dos autobuses urbanos como do colectivo de taxis fai que ambos os servizos sigan garantindo seguridade e confianza ás persoas que se desprazan nestes medios.

A pesar da caída do 41,6% nas viaxes en bus urbano durante o 2020 pola crise sanitaria, “acabamos de facer máis accesibles 14 paradas de bus desde a avenida de Gran Canaria a Novo Mesoiro e estamos ultimando os traballos técnicos para modificar a liña 11 e a plataforma reservada para o transporte público en Juan Flórez”. A mellora das paradas radica na construción de plataformas seguras que lles permiten ás e aos viaxeiros subírense e apeárense do bus sen realizaren grandes esforzos así como se ampliaron os espazos das marquesiñas e se aumentou a súa visibilidade. Neste aspecto, o concelleiro indicou que a seguridade da cidadanía é unha prioridade do Goberno de Inés Rey, que non quere que ninguén quede atrás e que nos barrios non haxa barreiras arquitectónicas que impidan a mobilidade das e dos veciños.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.