Concedida a Medalla ao Mérito da cidade á Asociación de Personas Sordas de A Coruña

Inés Rey: “ASPESOR foi a orixe da Federación de Asociacións de Xordos de Galicia que se converteu nun referente dentro e fóra de Galicia e tamén do movemento asociativo das persoas xordas”

O Pleno aprobou esta mañá por unanimidade concederlle a Medalla ao Mérito da cidade na súa categoría de Ouro á Asociación de Personas Sordas de A Coruña (ASPESOR). A alcaldesa, Inés Rey, agradeceulles a Susana Castelo, Manuel Andrade, e Iker Sertucha, persoas representantes da entidade, a súa presenza no salón de pleno e destacou o labor desenvolto por ASPESOR na cidade nos últimos 50 anos. “ASPESOR foi a orixe da Federación de Asociacións de Xordos de Galicia que se converteu nun referente dentro e fóra de Galicia e tamén do movemento asociativo das persoas xordas”, sinalou Rey.

Para Rey, ASPESOR é unha entidade indispensable para garantir os dereitos das persoas xordas. “O labor social que desenvolve a entidade en que destaca a promoción da lingua de signos faina acredora deste recoñecemento”, explicou Rey, quen lembrou que cando naceu a asociación, “a lingua de signos era coñecida como linguaxe mímica é 50 anos máis tarde é unha lingua declarada oficial grazas á promoción que a asociación fixo dela”. Tamén destacou o labor social da asociación, que soubo aglutinar a todas as persoas xordas de Galicia e as súas familias. Subliñou que esta distinción é o recoñecemento a un labor que fixo posible que se visualizase o colectivo de persoas xordas, a súa contribución ao derribo de barreiras que dificultan a integración deste colectivo, así como o seu liderado no conxunto de Galicia no desempeño desta función. E, como non, contribuíu á sensibilización de toda a cidadanía cara ás persoas xordas poñendo en marcha iniciativas pioneiras que foron logo adoptadas noutros concellos e institucións galegas.

Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, cualificou esta distinción como “o broche á celebración dos 50 anos da súa actividade, das súas vodas de prata, a unha asociación que constitúe unha peza clave do tecido asociativo non só da cidade, senón de Galicia”.

Neira anunciou que o Goberno local ten previsto firmar ao longo deste ano un convenio para que o Concello poida contar cunha persoa intérprete de lingua de signos, xa que segundo destacou aínda quedan reivindicacións pendentes, como a presenza destas persoas profesionais nos centros hospitalarios e na Administración ou a posibilidade de impartir clases de lingua de signos nos colexios como materia.

Grazas ao seu labor, explicou a concelleira, Galicia contou coas primeiras e os primeiros intérpretes de linguaxe de signos, unha tarefa que non estaba profesionalizada e que asumían as e os familiares das persoas xordas. Neste sentido, Neira expresou o seu orgullo de que A Coruña, en 2001, for dos primeiros concellos en asinar un convenio con ASPESOR para contratar unha destas persoas intérpretes.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.