Concello A Coruña e Xunta analizarán a estrutura do edificio de Comandancia de Obras para a súa conversión en albergue

O xerente da Axencia de Turismo de Galicia e o concelleiro de Turismo aseguraron durante a visita que a localización para o albergue é “idónea” pola súa situación privilexiada, a poucos metros do Camiño Inglés e en pleno núcleo histórico

O concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego, e o xerente da Axencia de Turismo de Galicia, Emilio de la Iglesia, visitaron esta mañá as naves, agora municipais, da antiga sede oficial da Comandancia de Obras na avenida Metrosidero. Acompañados por persoal técnico de Urbanismo tanto do Concello como da Xunta, ambos os responsables analizaron a viabilidade técnica do inmoble, situado sobre a muralla defensiva da cidade, para transformalo nun albergue de peregrinos/as, un servizo que estaría coordinado pola Administración autonómica e mais pola municipal.

O edil destaca que “a localización do edificio e a súa natureza converteríano nun gran reclamo turístico para as persoas que queren realizar o Camiño Inglés”. Segundo De la Iglesia, “o edificio é idóneo sempre e cando a súa estrutura estea en bo estado. Pedímoslle ao Concello toda a información técnica que haxa do edificio e un anteproxecto do ano 2019”.

Pola súa parte, as/os técnicas/os da Xunta aseguran que a localización para o albergue é “axeitada” pola súa situación privilexiada, a poucos metros da ruta xacobea e en pleno núcleo histórico. Ademais, valoraron positivamente a reforma realizada nas naves parellas ao futuro albergue e que terán un uso xuvenil, o que lles ampliará a oferta de ocio ás persoas peregrinas de instalarse alí o aloxamento.

O seguinte paso será confirmar a viabilidade estrutural do edificio de forma pormenorizada, polo que o anteproxecto solicitado servirá de base para corroborar que o inmoble é apto para a súa conversión en albergue.

A visita ao edificio de Metrosidero tivo lugar tras o encontro da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en que ambos os mandatarios coincidiron na necesidade de construíren un albergue de peregrinos que poña en valor o Camiño Inglés.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.