Demandan ao Concello de Arteixo a eliminación da alta tensión en Sol y Mar

Alternativa dos Veciños de Arteixo reclama ao Concello de Arteixo que realice as xestións precisas ante a Consellería de Industria, a Unión Europea e a compañía eléctrica para que se aborde canto antes a eliminación das liñas de alta tensión na urbanización Sol y Mar

Os veciños da urbanización Sol y Mar, en Oseiro, levan máis de 40 anos loitando ante a administración pública responsable da autorización da construción de 500 vivendas libres e de protección oficial baixo unhas redes de alta tensión de 380 Kw, que afectan aos pisos, ao centro social, ao polideportivo e ao colexio público –por un temporal unha das liñas caeu no patio de primaria-.

A loita veciñal para liberarse da radiación dos tres tendidos eléctricos, con diversas torres entre os edificios, atopouse ao longo dos anos “co engano permanente e o incumprimento dos acordos plenarios e convenios que o Concello tiña coas consellerías de Industria e Sanidade e coas empresas eléctricas”. “Cada vez que había eleccións municipais, durante máis de tres décadas, tomábanse acordos plenarios e realizábanse visitas á urbanización para calmar os ánimos dos veciños e da plataforma que os representaba”, denuncian dende a formación.

“No mes de xullo do 2003 o pleno municipal aprobou o proxecto para o traslado das liñas. Nunca chegou a executarse porque o Concello incumpriu o convenio e nin adquiriu nin puxo a disposición da empresa eléctrica o solo necesario, alegando que faría falta a aprobación do Plan Xeral para modificar o trazado da rede eléctrica. En cambio, para especular co solo si se modifican as normas obsoletas do 1995, permitindo grandes pelotazos urbanísticos” aseguran.

“Arteixo é un concello desordenado e caótico. En Arteixo, tanto o polígono de Sabón como a Refinería, entre outros, proporcionan elevadísimos ingresos ás arcas municipais. O Goberno do señor Calvelo non é capaz de xestionar os orzamentos o que orixina unha grande cantidade de cartos paralizados nos bancos” opinan dende AVV.

Alternativa dos Veciños demanda que “dunha vez por todas, desde o concello de Arteixo e desde a Xunta de Galicia -que vai recibir importantes fondos europeos- se subsane tan grave prexuízo que durante tantos anos soportaron os máis de 1.200 veciños da urbanización Sol y Mar”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.