DenTiUS Plaque, unha App que cuantifica os niveis de placa dental de xeito automático, fiable e repetible

Este software foi desenvolvido polas investigadoras da USC María José Carreira e Inmaculada Tomás

O software DenTiUS Plaque desenvolvido por científicos da USC, permite a cuantificación automática, fiable e  repetible dos niveis de placa dental a través de técnicas de análise de imaxe, proporcionando información sobre a área, a intensidade e o patrón de crecemento. O artigo ‘DenTiUS Plaque, a Web-Based Application for the quantification of bacterial plaque: development and usability study’, que acaba de ver a luz no Journal of Medical Internet Research, aborda a presentación e desenvolvemento desta App obra da profesora Maria José Carreira, do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías  Intelixentes da USC (CiTIUS) xunto á profesora Inmaculada Tomás, coordinadora do Oral Sciences Research Group (OSRG).

As bacterias poden atoparse na cavidade oral formando agregados  bacterianos dentro da saliva —flotando nunha fase líquida— ou adheridas ás superficies orais, tanto brandas —enxiva, lingua, fazulas…— como duras —dentes, próteses e implantes…—, neste último caso formando unha película  xelatinosa e adherente coñecida como “placa dental”. “Sábese que a placa dental está directamente relacionada coa aparición e evolución das dúas enfermidades orais máis comúns, a carie e a periodontite. Por iso, a análise da placa dental é un tema crucial para establecer mellores estratexias de prevención e control destas enfermidades”, explican as investigadoras.

Niveis de placa dental

Nun test de uso realizado por profesionais da Odontoloxía, estes recoñeceron que o software  DenTiUS  Plaque podería ser unha ferramenta moi útil para a cuantificación dos niveis de placa dental. Existen diversos índices clínicos tradicionais, que se aplican habitualmente tanto no ámbito clínico como no investigador, para cuantificar a placa dental. “Con todo, estes índices presentan importantes limitacións. Ao tratarse de avaliacións mediante exame visual asócianse a unha elevada subxectividade e ao ser determinacións  semicuantitativas son altamente imprecisas”, continúan.

Respecto á coherencia biolóxica dos novos índices derivados da análise de imaxe realizada por  DenTiUS  Plaque, o persoal investigador, aplicando un modelo de crecemento de placa dental in situ de cinco días, avaliou a validez destes índices, comparando os resultados cos obtidos cun índice clínico convencional. En canto ao grao de correlación entre os índices convencionais e o índice API (área por intensidade) do software DenTiUS  Plaque, os días un, dous e tres de acumulo de placa dental revelaron correlacións moi altas entre os dous sistemas. Con todo, nos días en que houbo pouca ou excesiva acumulación de placa, os días cero e catro, respectivamente, a relación entre os dous métodos de medición non foi óptima, o que pon de manifesto as limitacións do índice convencional e a conveniencia de aplicar os índices de  DenTiUS Plaque.

Consecuentemente, en palabras das profesoras Carreira e Tomás “a aplicación do software  DenTiUS  Plaque na análise dos patróns de evolución da placa dental asociados a enfermidades orais, como a  periodontite, así como para avaliar a eficacia de diversas medidas de hixiene oral, pode representar unha mellora na contorna clínica e na calidade metodolóxica dos estudos de investigación”. Outros investigadores implicados neste desenvolvemento foron Vicente Freire, Nicolás Vilas e Carlos Balsa.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.