Dous programas para impulsar o emprego xuvenil no rural coruñés

As liñas PEL-Relevo e PEL-Rurinnova contan cun orzamento de 1.052.400 euros para a creación de novos postos de traballo e a posta en marcha de proxectos empresariais nos municipios da provincia con menor poboación

A Deputación da Coruña inviste máis de 1 millón de euros para impulsar a creación de emprego e a posta en marcha de novos proxectos empresariais no rural da provincia a través dos programas PEL-Relevo e PEL-Rurinnova 2021.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe as bases as dúas liñas de axuda enmarcadas no Plan de Emprego Local (PEL), que contan cun orzamento total de 1.052.400 euros, do que o 80% é subvencionado polo Programa Operativo de Emprego Xuvenil, Fondo Social Europeo.

A Deputación busca a través destas liñas a creación de novas empresas, fomento do autoemprego e configuración de postos de traballo estables e de calidade para a mocidade menor de 30 anos que viva en municipios da provincia que conten con menos de 5.000 habitantes ou con menos de 10.000 habitantes que presenten un saldo demográfico negativo.

PEL- Relevo e PEL-Rurinnova teñen como obxectivo loitar contra o declive demográfico nas áreas rurais. “As liñas de axuda á mocidade no rural demostraron ser importates á hora de fixar a poboación das zonas máis rurais e contribuír ao desenvolvemento destes concellos a través da creación de emprego estable e de calidade e novas oportunidades de acceso ao autoemprego para a xente moza”, indica o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que subliña que  “é fundamental que a mocidade do rural galego poida desenvolver a súa vida profesional nel, ter un futuro nas súas localidades e así garantir o relevo xeracional”.

PEL-Relevo permitirá a creación de novos postos de traballo para a mocidade

A liña de axudas PEL-Relevo, que conta cun orzamento total de 498.000 euros, permitirá subvencionar a contratación de 80 mozas e mozas menores de 30 anos nas empresas e microempresas dos municipios aos que se dirixe o programa.

As axudas estarán limitadas ás empresas que realicen contratacións indefinidas a tempo completo. Como requisitos fundamentais para a mocidade contratada: estar inscrita no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e estar empadroada nun dos municipios coas características poboacionais definidas con anterioridade. Cada empresa poderá efectuar a solicitude de subvención para contratar entre unha e ata cinco persoas mozas traballadoras distintas.

A través de PEL-Relevo búscase o relevo xeracional dos cadros de persoal das empresas e proporcionar unha experiencia laboral e a adquisición de novas competencias á mocidade.

PEL-Rurinnova impulsará a posta en marcha de proxectos empresariais no rural, fomentando o autoemprego

A liña PEL-Rurinnova destinará 554.400 euros para o fomento do autoemprego e a creación de empresas a través de accións dirixidas ao desenvolvemento de iniciativas empresariais por parte da mocidade menor de 30 anos.

A Deputación continúa co seu apoio ao emprendemento sostible, e por este motivo dará prioridade de acceso a esta liña de axudas aos proxectos que potencien a economía verde, azul ou circular e conten con medidas de desenvolvemento sostible.

Destinadas a 64 concellos

As axudas poden ser solicitadas por empresas e persoas emprendedoras de calquera dos concellos coruñeses que conten con menos de 5.000 habitantes ou con menos de 10.000 que presenten un saldo demográfico negativo.

A listaxe dos concellos pode consultarse no BOP de hoxe, 5 de xaneiro:

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2021/01/05/2020_0000009979.pdf

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2021/01/05/2020_0000009980.pdf

Os prazos de solicitude virán determinados na publicación destes programas na Base Nacional de Subvencións, que se dará a coñecer no BOP e a través das canles de información da Deputación. A tramitación das solicitudes desenvolveranse de xeito telemático a través da plataforma SUBTeL.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.