Erradicar a prostitución é outra cousa. Por @DulceCorcu

Leo con alborozo está mañá na portada do xornal de máis tirada en Galicia que “Vimianzo pretende erradicar la prostitución” e, sentíndome satisfeita polo que aventura o titular, entro a fondo na nova para dar conta de cada detalle desa iniciativa que só pode beneficiar a mulleres que viven moi probablemente en situacións de extrema precariedade, por dicilo suavemente. Pero cal é a miña sorpresa cando o “erradicamento” consiste únicamente en que se cumpran os horarios de peche perimetral e tamén de toque de queda, que os tres (tres!) presumibles locais onde se exerce a prostitución no Concello incumpren sistemáticamente. As denuncias chegaron dos propios veciños, non porque neses locais houbese unha vixiancia especial, que tamén foron os que alertaron de que a actividade continúa en vivendas aledañas ou mesmo situadas no piso de enriba do “café – cantante”, que vén sendo o tipo de licenza expedida para poder abrir eses negocios.

Nin na reportaxe, nin tampouco nas declaracións e medidas emprendidas polo Concello, se fala en ningún momento do estado das mulleres, de como viven nunhas circunstancias aínda máis difíciles das que xa terán coñecidas. Sabemos que a meirande parte delas son estranxeiras, traídas como pura mercancía que, xa se dou o caso, ata son sorteadas mediante rifa como unha vaca nunha verbena. Non é só prostitución, é escravitude que deixa pingües beneficios a quen a sostén básicamente, porque dende logo non sabemos de ningunha prostituta que se fixese rica ou tivese oportunidade de elexir outro destino unha vez que exercese neste tipo de lugares. Con apariencia de libres pero sen liberdade, en países alleos e atadas a uns donos que as explotan coma se fosen gando. Por todo isto o titular do xornal e a actuación do Concello de Vimianzo fixo que, por uns minutos, os ollos me bailasen de ledicia e esperanza. Pero o meu gozo nun pozo porque finalmente, todo se reduce ao puramente administrativo. A cumprir determinadas normas e, unha vez feito iso, ningunha molestia máis nin preocupación algunha. Que alguén ten que satisfacer as necesidades da veciñanza e contorna, e por suposto seguro que elas o fan de boa gana, nun traballo coma outro calquera onde só vai a que quere. Supoño que a base de repetirse mentiras, un acaba crendo nelas, puro sofisma que manteña domadas e adormecidas as nosas conciencias, non vaian berrarnos o que hai por debaixo desa pátina de “normalidade laboral”. Nun mundo de verdade, rexido por políticos de verdade, erradicar a prostitución nunca sería un anuncio maquillado e manipulado: sería a pura realidade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.