Gómez Reino exixe a Endesa que faga pública toda a documentación das probas con biocombustibles e “acredite a súa inviabilidade”

«A Xunta de Feijóo non está á altura da súa xente, negando durante anos o cambio climático e mirando cara a outro lado en vez de preparar a comarca para unha Transición Xusta”

O deputado de Unidas Podemos pola provincia da Coruña, Antón Gómez Reino, exíxelle a Endesa que sexa transparente cos traballadores e coas administracións e “faga pública toda a documentación e informes das probas realizadas con biocombustibles” que os traballadores aseguran non coñecer na súa totalidade.

O Grupo Parlamentario trasladara o pasado 17 de novembro esta cuestión ao Congreso, tras manter Gómez Reino unha xuntanza co persoal da térmica. Na iniciativa presentada preguntábase precisamente polo resultado de ditas probas, ao asegurar os traballadores que Endesa estaba a levar a cabo todo o proceso sen transparencia e co maior escurantismo.

A forma de actuar de Endesa, unha das cinco grandes empresas que controlan o mercado eléctrico en España, demostra a vulnerabilidade de consumidores e traballadores ante este tipo de compañías. “É evidente que se fai cada vez máis necesario un maior control por parte do Estado e evitar así os abusos dun oligopolio que só beneficia ás eléctricas”.

“Dende Unidas Podemos queremos amosar todo o noso apoio aos traballadores e traballadoras da Central Térmica nunhas reivindicacións que son xustas e que amosan o seu compromiso coa industria do país e co mantemento dos postos de traballo nunha comarca como Ferrolterra”, asegurou Gómez Reino. Pola contra, “a Xunta de Feijóo non está á altura da súa xente negando durante anos o cambio climático e mirando cara a outro lado en vez de preparar a comarca para unha Transición Xusta”.

O compromiso de Unidas Podemos coa transición ecolóxica vén recollido no punto 3 do acordo de coalición co PSOE, onde se aposta pola transición xusta co obxectivo de que no 2050 o 100% da enerxía proveña de fontes renovables.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.