Imaxes antigas decoran a Praza de Abastos e o Mercado Municipal de Lugo

Cristina López: “Con esta acción tratamos de mellorar a imaxe da Praza e do Mercado ao mesmo tempo que lembramos a súa historia”. Utilizáronse 8 imaxes capturadas na Praza e no Mercado dos anos 50 e 60

A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López visitou a Praza de Abastos e o Mercado Municipal, onde se veñen de colocar unha serie de elementos decorativos nas entradas e nos postos baleiros con imaxes antigas tomadas nas propias instalacións. Cristina López explicou que “esta acción pretendemos mellorar a imaxe da Praza e do Mercado, ao mesmo tempo que lembramos a súa historia”.

En total, a área de Participación utilizou 8 imaxes capturadas entre os anos 50 e 60 nas instalacións da Praza e do Mercado, procedentes da colección fotográfica José Luís Vega Fernández, custodiada no Arquivo Histórico Provincial. “Todas as persoas que se acheguen a facer as súas compras á Praza e ao Mercado poderán ver un anaco da historia de ambas instalacións”, afirmou a edil nacionalista.

Praza de Abastos

En 1841, o mestre de obras da cidade, José Sánchez, proxectou a primeira Praza de Abastos, con 16 casetas e un pavillón. O 10 de abril de 1897, o Concello recoñece a necesidade de construír unha nova e encárgalle o proxecto ao arquitecto municipal Juan Álvarez de Mendoza. O novo proxecto estaba inspirado nas prazas e mercados vascos, e tiña 56 postos cubertos e 88 de banco ao aire libre. Este edificio foi substituído polo proxectado por Eloy Maquieira Fernández. Aprobado o proxecto o 28 de setembro de 1935, comezaron as obras no mes de marzo 1936, e inaugurouse o 4 de outubro de 1942.

Mercado Municipal

En 1909, Leoncio Bescansa proxectou o chamado Mercado de Banquetas ou Mercado Novo de Quiroga Ballesteros, ampliado en 1913 por Luciano Travadelo. En 1925, propúxose a súa ampliación, e, en 1929, coa adquisición dun novo solar, puido ampliarse a instalación Fixo as obras Faustino Julio Abuín entre 1930 e 1931. En 1948, o arquitecto municipal Ruperto Sánchez Núñez redacta un proxecto, que modifica en 1957 co arquitecto de Belas Artes Francisco Pons Sorolla, ao que se engadiron dúas plantas en 1970.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.