Inés Rey: “As salas de exposicións municipais centraranse na creatividade local”

A alcaldesa acudiu hoxe ao Kiosco Alfonso para visitar a mostra “Paisaxes Interiores/Exteriores” composta por obras de artistas locais e que remata este domingo para continuar con outra do ciclo “A Nosa Arte en Corentena”, tamén centrada na arte coruñesa, que será a aposta do Goberno local nas salas de exposicións

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, visitou hoxe o Kiosko Alfonso para percorrer a mostra “Paisaxes Interiores/Exteriores”, que se expón até o domingo no edificio municipal e tamén na Sala de Exposicións de Palexco -que neste caso xa fora visitada por Inés Rey no momento da súa inauguración- e que está formada por obras de artistas locais arredor da pandemia. A rexedora aproveitou a visita para desvelar as súas intencións respecto aos recintos expositivos do Concello: “A nosa aposta vai ser clara polo talento coruñés, de todas as xeracións. A magnífica acollida por parte do público desta exposición demostra que ese é o camiño, porque a nosa obriga é protexer a creatividade local e darlle saída profesional, pero tamén difundirmos unhas obras que teñen unha media de calidade inmensa”.

Nese sentido, a alcaldesa anunciou que está enviando unha carta persoal a cada un das e dos artistas locais que participaron nesta mostra, así como fará coas seguintes, “tanto para felicitalas/os polo seu traballo como para comunicarlles o labor que se está facendo desde o Concello e abrir unha liña de diálogo para contar sempre coa súa participación”.

Na misiva, Inés Rey indica que “a Cultura ten enorme relevancia no noso modelo de cidade e nesa aposta, unha das prioridades, sen dúbida, vai ser a defensa da arte local e das súas creadoras e creadoras”. “No Concello consideramos que nas salas de exposicións municipais debe primar o talento local. Estamos agora nun proceso de reformulación dos espazos co que queremos definir o uso e alcance de cada un deles, para así dotalos dunha programación compacta que resulte efectiva á hora de definirmos públicos e obxectivos”, engade a alcaldesa, que tamén afirma o seu desexo de que “a aposta pola arte local vaia máis alá dos espazos expositivos e teña un carácter integral, que coide da canteira e acompañe as e os novos talentos, que traballe na axuda á creación e que tamén conte con referencias ás e aos artistas consagradas/os e mais ás e aos históricos”.

Por último, Inés Rey valorou moi positivamente o resultado do evento Estudios Abertos, organizado a finais do pasado ano e que terá continuidade en 2021, con novos formatos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.