Investigadores do CiQUS avanzan nunha vacina contra a COVID-19 que poida conservarse a temperatura ambiente

Co apoio do programa de micromecenado da USC ‘Sumo Valor’, o proxecto liderado por José Martínez Costas pretende poñer freo ao SARS-CoV-2 a través dunha tecnoloxía propia, barata e que non xere efectos secundarios adverso.

O programa de micromecenado da USC ‘Sumo Valor’ a través da súa liña específica centrada na loita contra a COVID-19, financia o proxecto de vacina contra o SARS-CoV-2 que o equipo de José Martínez Costas está a desenvolver dende o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS). O persoal investigador traballa dende o mes de abril do pasado ano no desenvolvemento dunha vacina que poña freo ao coronavirus a través dunha tecnoloxía propia. “Podemos programar que células de calquera tipo constrúan microesferas de proteína e carguen dentro delas calquera proteína que nos interese, neste caso un antíxeno de coronavirus. Estas microesferas teñen capacidade para estimular o sistema inmune”, explica Martínez Costas.

O equipo xa conseguiu dúas versións diferentes do seu preparado vacinal. En Madrid, no Centro de Investigación en Sanidad Animal (CISA-INIA), co que cooperan neste proxecto, realizaron as probas en animais de laboratorio. Asemade, levarán a cabo as probas de seguridade, eficacia e resposta a anticorpos en ratos, no HZI de Alemaña. Se todo sae ben, o seguinte paso será realizar os ensaios con macacos, en Holanda, no Centro de Investigación Biomédica sobre os Primates (BPRC). Posteriormente, porán en marcha os trámites necesarios para comezar os ensaios clínicos en humanos.

Vantaxes

Este sistema de vacina presenta moitas vantaxes fronte a outras xa desenvoltas ou que se están a desenvolver. “A vantaxe principal da nosa vacina radica en que non se prevé que teña efectos secundarios adversos, xa que está composta só de proteína. Ademais, é máis completa que as que xa se están a aplicar. Nós usamos tres proteínas diferentes, é dicir, que a vacina está deseñada para facer fronte a varias proteínas do SARS-CoV-2 e contra varios tipos de resposta de anticorpos. Ademais, será moi doada de producir, moi barata e moi estable, podendo conservarse a temperatura ambiente sen que se alteren as súas propiedades”, asegura o científico da USC.

“Cantas máis vacinas haxa, moito mellor. Non sabemos se as primeiras que xa saíron ao mercado van ser as mellores. O que si está claro é que cantas máis maneiras haxa de atacar ao virus, máis esperanzador será o futuro. Os resultados que obteñan outros laboratorios non inflúen no noso traballo porque a nosa metodoloxía é diferente. Nós buscamos unha vacina segura e que funcione”, explica Martínez Costas.

A tecnoloxía desenvolta polos investigadores da USC ten moitas aplicacións, tanto en vacinas como no tratamento do cancro. De feito, xa foi probada con outros dous virus, o da lingua azul e o da peste equina africana, con bos resultados. O equipo traballou con mostras de pacientes afectados por coronavirus do Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo (Hula) para comprobar se as probas realizadas en ratos estaban ben feitas. Unha vez obtidos os resultados das probas en ratos en Alemaña, determinarase se a vacina funciona ben, o que marcará o seu futuro, de cara ao ensaio preclínico en macacos e finalmente o ensaio clínico en humanos.

Doazóns

‘Sumo Valor é unha iniciativa da Vicerreitoría de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade da USC co apoio do Consello Social. Unha das liñas deste programa céntrase na loita contra a COVID-19, a través do apoio a investigacións de diferentes áreas de coñecemento que contribúan a combater e paliar os efectos da pandemia na sociedade. Empresas e particulares poden apoiar estas investigacións vencelladas ao SARS-CoV-2 mediante microdoazóns por valor non superior aos 3.000 euros, xa sexa unha cantidade monetaria ou un ben. As doazóns poden realizarse a través da páxina web do programa.

O de Martínez Costas é un dos dez proxectos que o Instituto de Salud Carlos III financia en España para obter unha vacina contra o coronavirus. Ademais, recibiu apoio da Conferencia de Rectores de las Universidades Españolas (CRUE), do Banco Santander, do CSIC e da Comisión Europea, neste último caso para a realización das probas preclínicas en animais.

Foto portada.  O de Martínez Costas é un dos dez proxectos que o Instituto de Salud Carlos III financia en España para obter unha vacina contra o coronavirus.

FOTO: Santi Alvite

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.