O BNG de Oleiros traslada ao Parlamento a demolición da Casa Carnicero

O pasado 7 de xaneiro o BNG, xunto co resto de grupos da oposición municipal, solicitou na Xefatura Territorial da Consellaría de Cultura acceso ao expediente sobre a Casa sen obter resposta

As dúbidas que pairan sobre a demolición da Casa Carnicero, executada polo goberno municipal sorpresivamente na tarde do pasado 31 de decembro, están a facer deste asunto un dos temas máis complexos da política municipal de Oleiros nos últimos meses.

Asistimos, por unha parte, a unha cadea de decisións que o BNG xulga como profundamente erradas, que levaron á demolición desta xoia arquitectónica privilexiadamente situada como porta de entrada e sinal de benvida ao noso municipio ao atravesar a Ponte da Pasaxe. “Mais asistimos tamén, o que non é menos grave, a todo un cúmulo de desatencións nas responsabilidades na protección deste inmoble, tanto por parte do Concello de Oleiros, cuxo goberno local agardamos que aclare algúns feitos no Pleno extraordinario previsto para este xoves día 28, como por parte da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galiza, o organismo encargado de velar para que se tomen as medidas para evitar a perda de inmobles históricos como a Casa Carnicero”.

De acordo con isto, o pasado 7 de xaneiro o BNG de Oleiros, conxuntamente cos demais grupos da oposición municipal (PP, PSOE e Cs), solicitou na Xefatura Territorial da Consellaría de Cultura acceso ao expediente aberto pola Dirección Xeral de Patrimonio ao Concello de Oleiros a raíz do acontecido na tarde do 31 de decembro, “sen que até o de hoxe obtivésemos resposta”. O mesmo paso dado pola deputada do BNG no Parlamento de Galiza Mercedes Queixas o 11 de xaneiro, cando solicitou por rexistro no Parlamento ter acceso á documentación relativa á demolición e aos pasos previos, “igualmente sen resposta polo momento”.

Esta pasividade e falta de transparencia por parte de Patrimonio leva o BNG a pensar que ningunha administración actuou correspondemente, e que «as unhas polas outras» provocaron tan triste final para un edificio que viña padecendo desde hai tantos anos un acelerado proceso de deterioro”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.