O BNG insta á Xunta restaurar a Capela de Oza e estudar a súa hipotética cesión ao concello

A igrexa pertence ao SERGAS e forma, en unión co faro e o recinto amurallado, o conxunto histórico-artístico do Sanatorio de Oza

A Capela de Oza é unha xoia do románico coruñés do século XII –posteriormente reformada nos XVII e XVIII- que conforma, co faro próximo e lenzos das antigas murallas que a envolven, o conxunto histórico-artístico do Sanatorio de Oza. A súa titularidade pertence ao SERGAS.

A capela, desacralizada e en desuso, “presenta un estado de conservación deficiente con pintadas nunha das paredes de pedra, desconchados e humidades nos laterais, tellas soltas e sucidade ao seu redor”, afirma Mercedes Queixas na exposición de motivos dunha proposición non de lei que acaba de rexistrar no Parlamento e por medio da cal insta a Xunta a que restaure a igrexa e estude a cesión da súa titularidade ao Concello.

Na súa iniciativa, a deputada do BNG salienta que “desde hai tempo a veciñanza dos barrios próximos vén demandando a recuperación da capela para o seu uso social e cultural, ben como a restauración e coidado do patrimonio artístico do conxunto formado pola capela, o faro e as murallas de Oza”.

Nunha resposta por escrito ao grupo municipal do BNG, o Goberno Local afirmou ser perfecto coñecedor quer da situación da capela quer da demanda veciñal da súa recuperación para “o seu uso colectivo e a dinamización cultural do barrio”.

Pon en destaque Queixas que para alén do seu valor artístico “esta capela fai parte da historia da Coruña, e nomeadamente dos barrios comprendidos no antigo e lindeiro Concello de Oza, hoxe integrado no da Coruña”.

A parte dispositiva da proposición non de lei reza así: “O Parlamento galego insta a Xunta de Galiza a que proceda á revisión, conservación e restauración da Capela de Oza, poñéndoa en valor como o importante legado patrimonial municipal que representa, xunto co conxunto histórico do faro e das murallas, estudando algunha fórmula de cesión da súa titularidade ao Concello e favorecendo a recuperación da capela como recinto de uso social e cultural para goce da veciñanza”.

Alén desta proposición non de lei, Queixas rexistrou tamén sobre este mesmo asunto dúas preguntas (unha por escrito, a outra para a súa resposta oral) e unha interpelación.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.