O BNG reúnese con integrantes do comité de empresa de Albada pola demora na licitación do novo contrato da planta de Nostián

O portavoz do BNG en María Pita e o secretario de Organización da formación nacionalista na Coruña –Francisco Jorquera e Fran Rei, respectivamente- mantiveron esta mañá un encontro con integrantes do comité de empresa de Albada, a concesionaria da planta de tratamento de residuos de Nostián. A reunión tivo lugar na sede comarcal do BNG, na rúa das Donas

“Os traballadores fixéronnos partícipes das súas preocupacións pola lentitude na tramitación do novo concurso, en concreto polos retrasos na elaboración dos pregos de condicións”, afirma Francisco Jorquera, quen avanza que o BNG levará este asunto ao próximo Pleno da Corporación.

“As consecuencias da demora na licitación do novo concurso non son menores e atinxen, entre outras cousas, a perda de dereitos dos traballadores (o seu convenio colectivo ten caducado e a empresa négase a renovalo) e a falta de mantemento das instalacións”, indica o voceiro nacionalista.

Ao non ter o debido mantemento, a planta até pon en risco a integridade física do persoal, alertaron os traballadores o BNG. Hai un problema a maiores: a pesar de haber unha sentenza xudicial, a empresa continúa sen selar o vertedoiro, co cal prodúcese contaminación por lixiviados que van parar ao mar.

“Imos instar o Goberno Local a que acelere os trámites de vez e a que nos esclareza cal é o seu proxecto para Nostián. Os traballadores temen que os retrasos teñan a ver coa indefinicións sobre o modelo final que se pretende para o tratamento dos residuos na nosa cidade”, argúe Jorquera, quen salienta que a planta non vendeu un quilo de compost desde a súa entrada en funcionamento.

“Precisamos claridade sobre este asunto. O certo é que desde o Goberno Local se nos ten anunciado un investimento plurianual na planta de por volta de 42 millóns de euros, mais a realidade é que o proxecto non dá arrancado”, conclúe Jorquera.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.