O BNG rexistra unha moción para instar o Goberno local a que “coa máxima celeridade e rigor” licite o contrato do tratamento e eliminación dos residuos sólidos urbanos

Jorquera empraza o Executivo coruñés a que vele polo correcto funcionamento de Nostián e a que os pregos do novo contrato doten a instalación dos medios para ser unha verdadeira planta de reciclaxe e compostaxe
A mesma semana en que o BNG se reuniu con integrantes do comité de empresa de Albada, o portavoz nacionalista en María Pita, Francisco Jorquera, rexistrou unha moción, para o seu debate no Pleno do vindeiro 4 de febreiro, visando que o Goberno Local “proceda a licitar, coa máxima celeridade e rigor, o servizo de tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos da Coruña”.
Na exposición de motivos desta iniciativa, lembra Jorquera que a concesión deste servizo, adxudicada no seu momento a Albada, caducou o 31 de decembro de 2019. Desde aquela a planta viviu nunha situación de provisionalidade e incerteza, a pesar dos anuncios feitos quer polo goberno anterior quer polo actual dunha pronta elaboración dos pregos do novo contrato.
Polo medio, e após unha intervención da planta por parte do Concello que se prolongou por espazo de 8 meses, as instalacións fóronse deteriorando e tamén foron negativamente afectados os dereitos das e dos traballadores da empresa concesionaria, ao ter caducado o seu convenio colectivo e ao ter incumprido a alcaldesa o seu compromiso de que as condicións laborais do cadro de persoal non se tería visto afectado.
A deterioración das instalacións é preocupante (falta de chapas, pingueiras, mal estado da calzada) e até podería pór en risco a integridade das e dos traballadores, nomeadamente pola fenda que se ten producido no biodixestor 2, con filtracións de lixiviados incluídas. “Unha situación que non é nova, xa no pasado rebentara un biodixestor e houbera roturas nos outros tres”, precisa Jorquera.
Remarca o voceiro nacionalista que o tratamento e eliminación de residuos urbanos é un “servizo esencial”, polo que é “imprescindíbel” que se deixe de prestar en precario visando corrixir o mal funcionamento de Nostián.
No novo contrato debe ficar garantido, encarece o BNG o Goberno Local, que se asegure unha solución definitiva ao problema da acumulación de refugallos (“a súa porcentaxe cífrase nun 55%, cando o obxectivo fixado pola UE é que non excedan do 10% en 2035”) e que se garanta tamén a fabricación dun compost aceptábel medioambientalmente. “É imprescindíbel que o servizo deixe de prestarse en precario para converter Nostián nunha verdadeira planta de reciclaxe e compostaxe”, recalca Jorquera.
A través desta moción, o grupo municipal do BNG urxe tamén o Goberno Local que “os pregos do novo contrato para a futura concesión aseguren o respecto aos dereitos laborais das traballadoras e traballadores”.
E mentres non se materializar a nova licitación, a formación nacionalista demanda do Executivo coruñés que “vele polo correcto funcionamento da planta e inste a prestataria do servizo a que asegure o correcto funcionamento das instalacións”.