O home sen máscara. Por @DulceCorcu

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, é ese home que sabe de todo pero por non facer, non fai nin o que predica para o resto dos mortais. A nova cachada sen máscara foi en Ourense, recibido polo alcalde desa cidade para reinaugurar un pavillón en obras agora xa rematadas, e que merecían sen dúbida, en tempos de tan imperioso recollemento, esa foto dando o visto bo despois de varios aprazamentos. A infausta foto foi pendurada polo propio Concello ourensán nas súas redes sociais e desatou, de novo, a indignación popular, que non do PP.

Non é a primeira vez que tal acontece, e non fai tanto o propio Feijóo tivo que desculparse públicamente por aparecer a rostro descuberto co xefe do seu partido a nivel estatal, Pablo Casado, os dous camiñando sen a preceptiva e obrigatoria máscara que rixe para todo tipo de cidadanía. “Era pouco tempo, só uns segundos, síntoo equivoqueime e non voltará a ocorrer” son o tipo de escusas coas que despois se laian diante dos medios, pero que non fan nada por evitar. Nin unha semana pasara despois da súa alocución na Televisión de Galicia adiantando as duras medidas que agora sufrimos, con rictus circunspecto e elocuencia verbal para que agora todo sexan sorrisos diante de Gonzalo Pérez Jácome, desprezando a primeira e máis importante obriga que é a de levar a máscara posta en todo momento que non compartamos con convivintes e, por suposto, sempre en espazos públicos. A pouco respecto que sentise polos galegos, con milleiros de contaxios diarios e mortes que sacoden as estadísticas dun xeito terrible, sería quen de ter exquisito coidado en dar exemplo, tamén por eses sanitarios desbordados que se fartan de dicirnos como actuar e protexernos pero, sobre todo, de atendernos pese ás imprudencias que cometamos.
Non serven desculpas tardías, como a de recoñecer nos medios españois que quizais non estivo acertado permitindo tanta lixeireza no Nadal, aínda que unha medida tan impopular como a de prohibir espallarse por todo o país non resultaba apetecible e bueno, a ver que pasa. E pasou o que xa sabemos e agora pagamos. Facerse o mártir non arranxa os problemas que están a custar vidas, non só votos. Ninguén ten a variña máxica que dea solución ao que temos enriba, pero non ver ós nosos representantes facendo o contrario do que nos piden, pode axudar. E a Feijóo, agardemos, non debera pasarlle unha terceira vez…aínda que non sexa máis que por vergonza, se lle queda.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.